A USC organiza un curso de verán sobre a televisión dixital terrestre e por internet
O Departamento de Ciencias da Comunicación da USC organiza o curso de verán ‘Televisión dixital terrestre e por Internet, Comunicación Interactiva e Hipermedia’ co obxectivo de analizar cuestións coma a propiedade intelectual, a creación de contidos, os cibermedios e a converxencia dixital. O seminario, dirixido polos profesores da USC Xosé Soengas e Francisco Campos, terá lugar do 11 ao 14 xullo na Facultade de Ciencias da Comunicación.
A primeira xornada comezará cun acto no que participarán o secretario xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, Fernando Salgado; e o decano da Facultade, Miguel Túñez. A continuación, abordaranse cuestións como a comunicación interactiva, a nova televisión dixital autonómica e local de Galicia, a televisión móbil e a nova televisión persoal por Internet. Como peche desta sesión presentarase a Web TV e a Canle Multimedia Virtual, plataformas que ofrecerán as sesións a través de Internet e de Second Live xunto cunha mostra de curtametraxes e traballos audiovisuais dos alumnos participantes neste curso.
Nas seguintes xornadas, expertos europeos profundarán na creación en 3D e mundos virtuais, creación e intelixencia artificial, videoxogos, os ciberdereitos, ou a dixitalización da produción televisiva, entre outras cuestións. Xa o sábado, desenvolveranse varios obradoiros prácticos sobre cómo facer televisión e radio por Internet a cargo de Julio de Diego, Xosé María García Lastra e Xosé Ramón Pousa.
A matrícula, validable por 2 créditos de libre configuración, xa está aberta para quen acceda vía internet e o 13 de xuño comezará o prazo de inscrición para quen prefira formalizar a solicitude de maneira presencial. Os dous prazos pecharanse o 29 de xuño.