Skip to main content

Máis de 200 inscritos nas probas do Proxecto Estalmat para "talentos" matemáticos

A proba de selección realizarase este sábado, día 2, na Facultade de Matemáticas de Santiago

Un total de 215 rapaces e rapazas de 12 anos de toda Galicia participarán este sábado, 2 de xuño, nas probas de selección do Proxecto ESTALMAT (Estimulo do Talento Matemático) que terán lugar a partir das 10:00 horas na Facultade de Matemáticas da USC.
Para o comité organizador, composto por once profesores de matemáticas do ensino medio e das universidades galegas, presidido polo decano da Facultade, Juan Viaño, e coordinado pola profesora do IES Elviña Mercedes Feijoo, o número de inscritos é “un éxito” tendo en conta que a convocatoria foi remitida con moi pouco tempo a todos os centros de ensino de Galicia, despois de que o pasado 18 de abril a Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales aprobase o proxecto Estalmat Galicia.
A proba deste sábado consiste nun exame de aptitude, un test psicométrico e unha entrevista persoal, esta última só para os que superen a proba de aptitude. O comité académico encargado de realizar as probas está formado por profesores de matemáticas de distintos niveis do ensino que para o test psicométrico contan co asesoramento da Unidade de Estudo e Investigación da Superdotación da Facultade de Psicoloxía da USC. As probas de selección, comúns en España, celébranse simultaneamente en todas as comunidades.
Axudar a pensar en MatemáticasSegundo o espírito do Proxecto Estalmat, a proba de selección pretende detectar rapaces e rapazas con aptitudes matemáticas avanzadas e impartirlles clases adaptadas ao desenvolvemento do seu talento. Estas clases impartiranse, en xeral, nas mañás dos sábados durante dous cursos académicos consecutivos por un claustro de vinte profesores.
Non se trata de adiantar aos alumnos en contidos matemáticos do seu currículo escolar senón, pola contra, desenvolver aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas, resolver problemas e, en definitiva, pasalo ben ao tempo que se detecta e canaliza o talento matemático para mellor proveito da sociedade. Trátase de prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden pasar inadvertidos ou quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia.
Proxecto EstalmatConcibido polo insigne profesor Miguel de Guzmán (Cartagena, 1936 - Madrid, 2004), da Universidade Complutense, e implantado por primeira vez en Madrid en 1998, o proxecto ESTALMAT ten por obxectivo detectar, orientar e estimular de maneira continuada o talento matemático de estudantes que están en 6º curso de Educación Primaria (12-13 anos). Agora, por impulso da Facultade de Matemáticas e os seus profesores entusiastas, engádese Galicia á lista de comunidades que xa teñen implantado este proxecto como son Madrid, Cataluña, Castela e León, Andalucía, Canarias e Valencia.
O Proxecto ESTALMAT ESPAÑA, avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e co apoio financeiro da Fundación Vodafone-España e do Proxecto Ingenio-Mathematica do Programa Consolider, está dirixido actualmente polo académico Amable Liñán Martínez, Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica.

The contents of this page were updated on 06.01.2007.