Skip to main content

Profesores da USC coordinan en Zaragoza unha sesión especial sobre foliacións e sistemas dinámicos no I Congreso Hispano-Francés de Matemáticas

No mesmo encontro preséntase o informe 'Salidas Profesionales de los Estudios de Matemáticas: Análisis de la Inserción Laboral y Ofertas de Empleo' no que traballou a profesora da USC Elena Vázquez...

Os profesores Fernando Alcalde e Enrique Macías, do Departamento de Xeometría e Topoloxía da USC, coordinan esta semana unha sesión especial sobre Foliacións e Sistemas Dinámicos no marco do I Congreso Hispano-Francés de Matemáticas que está a ter lugar en Zaragoza organizado pola Real Sociedade Matemática Española (RSME), a Sociedade Española de Matemática Aplicada e a Sociedade Matemática de Francia.
A teoría de foliacións, campo de colaboración entre matemáticos franceses e españois dende hai máis de 30 anos, converteuse nunha encrucillada onde converxen diferentes áreas das matemáticas como a xeometría diferencial, a topoloxía de variedades, a análise global e incluso a teoría de sistemas dinámicos e a teoría ergódica.
A sesión especial, na que se presentarán as novas tendencias e métodos no estudo dos espazos foliados, conta coa participación dalgúns dos mellores especialistas de universidades europeas e americanas, entre os que figuran tres investigadores vinculados á institución compostelá, os profesores Jesús Alvárez, da USC; Alberto Candel, da Universidade estatal de California; e Miguel Bermúdez, da Universidade de París 7.
Os organizadores promoven tamén no encontro a participación dos mozos franceses e españois máis prometedores no eido das foliacións e os sistemas dinámicos. Así, os alumnos de terceiro ciclo María Fernández de Córdoba e Pablo Sequeiros, da USC, xunto coa profesora Esperanza Sanmartín da Universidade de Vigo, presentan comunicacións no evento, que conta coa axuda financeira do Servizo de Ciencia e Tecnoloxía da Embaixada de Francia e da Rede Española de Topoloxía.
Informe sobre as saídas profesionaisTamén no marco do I Congreso Hispano-Francés de Matemáticas, na tarde deste luns 9 terá lugar a presentación do informe Salidas Profesionales de los Estudios de Matemáticas: Análisis de la Inserción Laboral y Ofertas de Empleo, liderado pola Comisión Profesional de la RSME e da que formou parte a profesora da USC Elena Vázquez Cendón.
O informe presentarano os seus autores nas xornadas ‘Profesionais das Matemáticas: ¿onde estamos e onde podemos estar?’ nas que se inclúe unha mesa redonda na que participarán o doutor en Matemáticas pola Universidade de Barcelona e directivo de Bodegas Torres, Heribert Coll; a profesor ada Universidade París VI e responsable dun estudo francés similar, Brigitte Lucquin; e a doutora pola USC e hoxe analista de Tecnología Información y Finanzas, S.A., María Rodríguez Nogueiras.

The contents of this page were updated on 07.09.2007.