Skip to main content

A USC impartirá o vindeiro ano o curso de experto en Construción Sostible, único de carácter universitario en Galicia sobre esta disciplina

A Universidade de Santiago impartirá o vindeiro período académico, entre o 19 de outubro de 2007 e o 22 de febreiro de 2008, o curso de experto en Construción Sostible, o único de carácter universitario que se imparte en Galicia nesta materia.
Cunha carga lectiva de 100 horas a impartir en modalidade semipresencial e dirixido polo Departamento de Enxeñaría Agroforestal, o curso estará articulado en tres módulos nos que se abordará o panorama mundial sobre a construción sostible, construción e desenvolvemento sostible, ao que se suma a redacción dun proxecto fin de carreira orientado ao deseño dun foro dixital sobre a especialidade.
A vontade desta iniciativa é ofrecer respostas ante a crecente demanda de profesionais que desexen ampliar os seus coñecementos ao tempo que ofrecerlle ferramentas que lle permitan o achegamento dos seus proxectos aos novos criterios de sustentabilidade na construción.
O curso, cunha matrícula de 600 euros, diríxese a estudantes de 1º e 2º Ciclo e titulados universitarios así como aos profesionais do sector e técnicos da administración pública. As clases impartiranse os venres pola tarde e os sábados en horario matinal na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo.
De xeito paralelo á celebración do curso, desenvolverase a primeira convocatoria dos premios ‘Inspira: construción sostible 2008’ para proxectos libres e de fin de curso. A empresa Grupo Vilares patrocina e coordina a celebración deste título acreditativo propio da USC.

The contents of this page were updated on 07.04.2007.