Os XX Cursos de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e para Españois de fóra de Galicia inaugúranse este mércores na USC
Os XX Cursos de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e para Españois de fóra de Galicia inauguraranse na USC este mércores, día 4, nun acto solemne no que participarán o vicerreitor de Relacións Institucionais, o presidente da Real Academia Galega, a secretaria xeral de Política Lingüística e o director dos cursos. O acto será ás 12:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía (Praza de Mazarelos. Santiago).
Nesta edición participan alumnos de Alemaña, Armenia, Arxentina, Bélxica, Brasil, Chile, Colombia, Cuba, Eslovaquia, Estados Unidos, España, Finlandia, Francia, Gran Bretaña, Grecia, Hungría, A India, Irlanda, Italia, Marrocos, México, Perú, Polonia, Portugal, República Checa, República Moldova, Romanía, Rusia, Serbia, Suíza, Ucraína, Venezuela e Xapón. Todos eles asistirán ao acto inaugural.
Os cursos, polos que xa pasaron nas edicións anteriores máis de 1.900 alumnos de todos os países do mundo, están organizados polo Instituto de Lingua Galega da Universidade de Santiago, a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.