Skip to main content

Aberto o prazo de preinscrición no VII Máster en Acupuntura e Moxibustión organizado polo Departamento de Fisioloxía da USC

O Departamento de Fisioloxía da Universidade de Santiago mantén aberto o prazo de preinscrición do VII Máster en Acupuntura e Moxibustión para o curso 2007-2009 ata o vindeiro 12 de outubro.
Ademais do máster en acupuntura, que contaría cunha duración de 2 anos e un total de 600 horas, ofértase a posibilidade de realizar un curso de especialización que, baixo o título ‘Introdución á acupuntura e o uso do tratamento da dor’, impartiríase no primeiro ano e contaría cun total de 304 horas de formación.
Os cursos, que se desenvolverán nas fins de semana, inclúen prácticas na Unidade da Dor do Hospital Clínico Universitario de Santiago, ofrecendo ademais posibilidade de realizar os estudos na modalidade intensiva o que permitirá acadar o título de máster en tan só cinco meses e o de especialista en tres.
Os contidos a tratar durante o primeiro ano están dedicados á historia da medicina tradicional chinesa, ao estudo das bases anatómicas e neurofisiolóxicas, aos métodos de tratamento e a súa selección, á combinación de puntos ou ao tratamento da dor, as cefaleas e o aparato locomotor. Os alumnos que continúen os estudos traballarán o segundo ano aspectos máis concretos referidos á patoloxía psicoemocional, á xinecoloxía, endocrinoloxía, sexualidade, ao aparato respiratorio e otorrinolaringolóxico ou á dermatoloxía e pediatría.

The contents of this page were updated on 09.07.2007.