Skip to main content

O catedrático Juan Manuel Viaño Rey, Medalla de Ouro de Boqueixón

O catedrático de Matemática Aplicada da USC Juan Manuel Viaño Rey será recoñecido este sábado, día 8, coa Medalla de Ouro de Boqueixón pola súa traxectoria académica e científica. O acto de entrega terá lugar ás 12:00 horas no Salón de Plenos da Casa Consistorial de Boqueixón.
Nado no concello que o homenaxea, Viaño foi decano da Facultade de Matemáticas desde 2001. Premio de Investigación ‘Xunta de Galicia’ en 1996, acadou tamén o Premio de Divulgación da Matemática Aplicada concedido pola Sociedade Española de Matemática Aplicada en 2005.
Juan Manuel Viaño, que dirixiu o Departamento de Matemática Aplicada entre 1986 e 1992, foi profesor convidado no Laboratorio de Análise Numérica da Universidade P. et M. Curie de París e no Centro de Matemáticas e Aplicacións Fundamentais de Lisboa. Dirixiu ademais o Instituto de Matemáticas da USC e foi membro do Comité Asesor en Física e Matemáticas para a Avaliación da Actividade Investigadora do Ministerio de Educación e Cultura e da Comisión de Ciencias Básicas e Aplicadas para o mapa de graos da Universidade Politécnica de Cataluña.
Investigador principal en catro proxectos europeos, nove nacionais, tres contratos de investigación e dúas accións integradas, o profesor Viaño é autor de seis libros de investigación e docencia, 80 artigos de investigación en revistas de impacto, director de dez teses doutorais e 15 traballos de investigación tutelados.
Entre outros cargos, destaca a súa participación no Comité Científico da Rede Galega de Bioinformática, do Grupo de Traballo nomeado pola CRUE para o estudo sobre a integración dos Estudos Españois de Matemáticas no Espazo Europeo de Ensinanza Superior e para a elaboración do Libro Branco sobre a Integración dos Estudos Españois de Matemáticas.
Máis recentemente, na súa traxectoria científica destaca a participación na Asociación ICM2006 para a defensa en China da Candidatura de España á organización da Conferencia Internacional de Matemáticos de 2006, a presidencia do Comité Organizador Local do Encontro de Sociedades Latinoamericanas de Matemáticas que tivo lugar en Compostela e da Asemblea Xeral da International Mathematical Union (IMU). É tamén membro da Comisión Permanente da Conferencia de Decanos e Directores de Matemáticas e presidente da Conferencia Española de Decanos e Directores de Matemáticas, ademais de ser responsable do comité organizador do Proxecto ESTALMAT de estimulación do talento matemático en Galicia auspiciado pola Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais.

The contents of this page were updated on 09.07.2007.