Skip to main content

Expertos do máximo nivel científico daranse cita novamente en Santiago no programa ConCiencia

Premios Nobel de Química, Física e Economía, e o Abel de Matemática visitarán a cidade entre os meses de outubro e novembro

O Programa de divulgación científica ConCiencia volve o vindeiro mes cunha nova edición tras o éxito acadado o pasado ano. Nesta ocasión, entre outubro e novembro a cidade de Santiago contará coa presenza dos Premios Nobel de Química en 1997, John E. Walker; de Física en 2004, Frank Wilczek; e de Economía en 2004, John Nasch; ademais do Abel en 2005, Peter Lax. Todos eles impartirán unha conferencia divulgativa e manterán diversas reunións con investigadores.
ConCiencia presentouse este mércores en Santiago nunha roda de prensa na que participaron o reitor da USC, Senén Barro; o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo; o xerente do Consorcio de Santiago; Xosé Manuel Villanueva; e o coordinador do Programa e profesor da USC, Jorge Mira.
Organizado pola USC e o Consorcio de Santiago, o programa trata de, entre outros obxectivos, servir de ponte para o reforzamento de contactos científicos entre persoeiros da máxima relevancia científica mundial e o corpo de investigadores da USC. Búscase así rendibilizar a visita dun gran persoeiro da ciencia favorecendo o seu contacto con especialistas locais.
John WalkerO primeiro en participar neste programa será o profesor da Universidade de Cambridge John E. Walker, que estará en Santiago os días 3 e 4 de outubro. En 1997 concedéronlle o Nobel de Química por descubrir o mecanismo enzimático que está detrás da síntese da ATP (adenosina trifosfato), “a moeda de intercambio enerxético do noso corpo” explicou o profesor Jorge Mira. Foi quen determinou a secuencia de proteínas e a estrutura das enzimas que levan á formación da ATP, un traballo clave para a comprensión do funcionamento dos seres vivos e que lle mereceu os maiores recoñecementos.
Walker é unha das figuras punteiras da bioloxía molecular actual, un campo dos máis activos da ciencia mundial, e segundo explicaron os organizadores foi precisamente a actividade nese campo no seo da USC, algunha dela en colaboración co Nobel, a que lles levou a elixilo para participar nesta segunda edición de ConCiencia.
Frank WilczekO científico do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (EE.UU.) Frank Wilczek, que estará en Compostela os días 18 e 19 de outubro, acadou o Nobel de Física en 2004 polo descubrimento da chamada liberdade asintótica na teoría da interacción forte.
Ese descubrimento foi clave para o desenvolvemento dunha das ramas máis básicas da física como é a cromodinámica cuántica. Wilczek é ademais un reputado divulgador en revistas científicas norteamericanas.
Peter LaxXa os días 30 e 31 de outubro ConCiencia acollerá a participación do profesor da Universidade de Nova York Peter D. Lax, merecedor do Premio Abel en 2005, galardón outorgado polo rei de Noruega á imaxe e semellanza dos Premios Nobel en Suecia –non existen os Nobel de Matemática- que recoñece aos mellores matemáticos do mundo.
Lax, un dos principais prodixios matemáticos do século XX, é considerado o matemático máis versátil da súa xeración, con contribucións seminais a moitas ramas da matemática e tamén un dos fundadores da matemática computacional moderna.
Húngaro de orixe, foi perseguido polos nazis na súa adolescencia e rematou nos Estados Unidos onde foi descuberto por outro gran científico húngaro, John von Neumann, que llo presentou a Albert Einstein e o introduciu na elite científica dos EE.UU. En 1945, con tan só 19 anos, Peter Lax integrábase no famoso Proxecto Manhattan, que construíu a primeira bomba atómica.
John NashO Programa ConCiencia pecharase coa visita a mediados de novembro de John F. Nash, Premio Nobel de Economía en 1994 cuxa vida foi retratada recentemente na película ‘Unha mente marabillosa’, dirixida por Ron Howard e protagonizada por Russell Crowe e Jennifer Connelly.
Matemático, Nash acadou o Premio Nobel pola súa análise pioneira do equilibrio na teoría de xogos non cooperativos e os procesos de negociación. A teoría de xogos é unha área da matemática aplicada fundada por John von Neumann que utiliza modelos para estudar interaccións en estruturas formalizadas de incentivos (os chamados xogos), de claro paralelismo cos sistemas económicos, de aí a súa importancia. Os investigadores desta área estudan as estratexias óptimas así como o comportamento previsto e observado dos individuos en competición.

The contents of this page were updated on 09.12.2007.