Skip to main content

Comeza na USC o Curso de Experto en Técnico en Integración Laboral

Vintecinco alumnos de toda Galicia asisten na USC desde este martes, día 18, ao Curso de Experto en Técnico en Integración Laboral, organizado pola Obra Social “la Caixa” dentro do Programa ‘Incorpora’ (Integración laboral de persoas en risco de exclusión social). O curso, coordinado pola Plataforma polo Emprego de Santiago, consta de 250 horas lectivas con formación en liña, presencial e práctica.
Con este posgrao preténdese ofrecer aos alumnos un marco referencial e operativo para o desenvolvemento óptimo da súa intervención socio-laboral, potenciar o traballo en rede entre os técnicos dos distintos territorios e profundar na análise e información ao redor da situación laboral das persoas en risco de exclusión en Galicia.
‘Incorpora’ é un dos novos programas impulsados pola Obra Social "la Caixa" co que dá resposta a unha das principais preocupacións dos cidadáns como é a integración sociolaboral de persoas con especiais dificultades para acceder a un emprego. Con este curso, a Obra Social "la Caixa" ofrece ás entidades sociais de Galicia a realización dunha acción formativa relacionada con persoas en risco ou situación de exclusión social, que desenvolve o Observatorio da Economía Solidaria e imparte en convenio coa Universidade de Santiago de Compostela.
O curso, dirixido pola profesora da USC María José Méndez Lois, rematará o 10 de xaneiro de 2008, sendo todas as clases presenciais no Seminario nº 1 da antiga Facultade de Filosofía no Campus Sur (Facultade de Ciencias da Educación).

The contents of this page were updated on 09.17.2007.