Skip to main content

O XI Congreso Internacional de Enxeñaría de Proxectos amosará en Lugo as conclusións de máis de 250 traballos

O XI Congreso Internacional de Enxeñaría de Proxectos, que se celebrará entre os días 26 e 28 de setembro na Escola Politécnica Superior de Lugo, foi presentado en rolda de prensa este mércores neste centro lugués. Segundo os seus organizadores o congreso reunirá as conclusións de máis de 250 traballos de investigadores de toda España.
Ao acto de presentación asistiron o subdirector da EPS, Francisco Javier López; o director do Departamento de Enxeñaría Agroforestal, Juan Gabriel Álvarez; e o profesor de Proxectos da EPS e presidente do comité organizador do evento, Manuel Marey.
Este congreso, organizado polo Departamento de Enxeñaría Agroforestal da EPS, a Asociación Española de Enxeñaría de Proxectos e o Consello de Colexios de Enxeñeiros Industriais, pretende ser un punto de encontro, foro de discusión e intercambio de ideas, traballos e experiencias entre os grupos de técnicos e investigadores de empresas privadas, da industrias, das administracións públicas, consultorías, universidades e centros de investigación.
Os traballos distribúense en dez áreas temáticas, conformando un total de 264 comunicacións, das que 120 se presentarán de xeito oral durante os tres días de congreso, en quenda de mañá e tarde en tres salas diferentes. Unha cuarta sala queda reservada para a celebración de conferencias e mesas redondas que, segundo explicou Manuel Marey, serán retransmitidos por internet. Ademais, a Escola habilitará un espazo anexo no que se amosarán 147 carteis cos resultados de traballos realizados por universidades, centros de investigación e empresas.

The contents of this page were updated on 09.19.2007.