A RAGC premia un proxecto da USC para fabricar modelos 3D nos que reproducir sistemas biolóxicos para testar fármacos
María Teresa Flores, investigadora principal do grupo Photonics4life da USC, enmarcado dentro da Agrupación Estratéxica de Materiais AeMAT, recolleu este mércores o premio ‘Francisco Guitián Ojea’, outorgado pola Real Academia Galega de Ciencias. Este galardón destaca a mellor tecnoloxía aínda non transferida pero susceptible de ser aplicada ao sector empresarial. O proxecto premiado baséase na fabricación de modelos 3D capaces de reproducir sistemas biolóxicos sobre os que estudar patoloxías ou testar fármacos de xeito máis fiable.
Segundo explicou Flores, este proxecto responde á demanda por parte do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) de contar con arterias e veas artificiais nas que simular o comportamento de fármacos para a arteriosclerose. Logo de dez anos de traballo, conseguiuse fabricar unha estrutura de arterias capaz de soportar fluxo sanguíneo e nas que se poden facer cultivos celulares. A idea foi promovida dende a Facultade de Física da USC e no seu desenvolvemento tamén tomaron parte María Aymerich de Photonics4life, Alberto Pérez Muñuzuri do grupo de Física Non Lineal e Ezequiel Álvarez da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.
María Teresa Flores destacou una súa intervención que “este desenvolvemento tecnolóxico ten un amplo abanico de aplicacións, que demanda a sociedade, varias delas xa en desenvolvemento en colaboración con outros investigadores doutros campos, como é o caso do estudo de células tumorais circulantes, metástases, tratamento de feridas, patoloxías cardiovasculares, ou dispensación de fármacos funcionalizados e localizados”.
Outros premiados
O Premio ‘Ricardo Bescansa Martínez’ que recoñece o mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía recaeu na spin-off da UVigo ‘Alén Space’, dedicada á fabricación de nanosatélites. Asemade, o premio ‘Fernando Calvet Prats’ que recoñece o mellor traballo de tecnoloxía xa transferida con éxito ao sector empresarial foi para o grupo EQ10 da UVigo, polo descubrimento da presenza de biosurfactantes, unha clase de deterxente biolóxico, nos residuos da industria do millo.
Os Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia outorgados pola RAGC que este ano alcanzaron a súa quinta edición, recoñecen as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo, cunha dotación de 6.000 euros netos en cada unha das súas categorías. O certame está
promovido pola RAGC, coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia. Durante a cerimonia foi entregado tamén o Premio Galicia de Xornalismo Científico, dotado con 4.000 euros, a Silvia Rodríguez Pontevedra, redactora do diario El País.