Aberta a matrícula do curso de habilidades comunicativas
O alumando pode matricularse no curso de habilidades comunicativas dende este venres 10 de xaneiro. Trátase dunha actividade formativa dividida en tres módulos dedicados á redacción científica, falar en público e presentacións dixitais eficientes.
Cada un dos módulos consta de 25 horas, será recoñecido con 1 ECTS por competencias transversais (lingua) para todas as titulacións e pode cursarse de xeito independente. O curso, en modalidade semipresencial, terá lugar ao longo deste segundo cuadrimestre tanto no Campus de Santiago coma no de Lugo. As datas e programa de cada un dos módulos pode consultarse nesta ligazón.
A redacción científica
O obxectivo do Módulo 1 é mellorar a competencia escrita. Diríxese sobre todo ás persoas que se atopan no proceso de redacción dun documento científico como pode ser un artigo, traballo académico de curso, traballo de fin de grao, traballo de fin de máster, proxecto de fin de carreira ou tese de doutoramento.
Falar en público
A defensa oral dun traballo científico ou académico, a exposición dun relatorio nun congreso, a presentación dun proxecto perante unha administración ou unha empresa son os eidos nos que se centra este Módulo 2. “O estudantado, ademais de contar cun nivel axeitado de coñecementos significativos, tamén deben ter desenvolvidas as destrezas relacionadas coa comunciación oral”, sinalan dende Normalización Lingüística, Servizo que impulsa esta iniciativa. “Neste sentido, entendemos que na actualidade o mercado laboral esixe un alto dominio das capacidades de comunicación, e que estas son un elemento fundamental para enfrontarse ao ámbito formal e tamén laboral”, apuntan.
Presentacións dixitais eficientes
As presentacións son cada vez unha ferramenta máis común na vida do alumnado universitario, pero “por desgraza é frecuente ver pantallas que, nacidas para o apoio ao discurso oral, son atrancos para a transmisión do coñecemento”. Demasiado texto con letra moi pequena, cores que non se ven, ou transicións efectistas de máis, son algunhas das características de moitas das presentacións das aulas universitarias, destacan dende o Servizo. Este Módulo 3 pretende, polo tanto, que nun mundo onde priman cada vez máis os recursos visuais, o alumnado universitario saiba onde están as bases para crear presentacións con calidade e para lograr transmitir mellor o coñecemento científico.