Skip to main content

A 'química' está nas feromonas

Dous cas xogando
As feromonas inflúen no comportamento animal
As feromonas son sinais químicos que modulan comportamentos animais e condutas humnas, sinala o profesor e investigador da USC Pablo Sánchez Quinteiro
Lugo

As feromonas son sinais químicos intraespecíficos que modulan a fisioloxía da reprodución e o comportamento social e sexual dos animais, ao tempo que tamén poderían ser a chave que explica algunhas das condutas animais e mesmo dos humanos, sinala o profesor da área de Anatomía e Anatomía Comparadas da USC na Facultade de Veterinaria Pablo realizou Sánchez Quinteiro.

O investigador do Campus Terra da USC fixo estas declaracións no marco do relatorio ‘Sexo, feromonas e cerebro: das bases anatómicas á xenómica’, unha sesión incluída nos Xantares Biocientíficos promovidos pola agrupación estratéxica de investigación BioReDes coa pretensión de dar visibilidade ás liñas de traballo e aos proxectos científicos de especial interese polo seu impacto social, económico e ambiental, que se están a desenvolver na sede universitaria luguesa.

Sánchez Quinteiro afondou na súa intervención deste venres sobre potencias aplicacións das feromonas, unhas substancias descubertas a mediados do século pasado e aínda pouco estudadas, pero que poden resultar moi acaídas para avanzar cara a unha produción alimentaria sustentable. A súa aplicación nos mamíferos, tanto de cara á mellora do benestar dos individuos como a o seu uso terapéutico e produtivo na tecnoloxía da reprodución, tense convertido nunha prometedora liña de investigación, dado que as feromonas son substancias de carácter natural que aínda están moi pouco empregadas incluso a niveis subfisiolóxicos.

As feromonas non deparan ningún tipo de residuo nos tecidos animais, dado que nin requiren de administración parenteral nin de absorción sistémica, polo que constitúen un atractivo substitutivo natural das hormonas sintéticas que se empregan tanto en reprodución como en terapéutica veterinaria, relatou Sánchez Quinteiro, quen tamén cuestiona a base científica de moitos dos preparados comerciais de feromonas existentes no mercado.

A raíz deste problema atópase na escasa información morfofuncional sobre as glándulas secretoras de feromonas e sobre o sistema sensorial responsable da súa detección, o sistema vomeronasal, dice Sánchez Quinteiro, cuxa liña de investigación se centra precisamente no estudo do sistema vomeronasal. Este está formado por unha sofisticada estrutura neurosensorial situada a ambos lados da base do tabique nasal (órgano vomeronasal), así como polas súas conexións nerviosas (nervios vomeronasais) co sistema nervioso central, e polos centros nerviosos primarios e secundarios responsables da integración da información sensorial: o bulbo olfatorio accesorio e a amígdala vomeronasal, respectivamente, detallou.

O profesor da Facultade de Veterinaria da USC salientou na súa intervención o enorme potencial de actividade das feromonas, ao tempo que tamén fixo fincapé na necesidade de avanzar nesta liña de investigación, xa que, por exemplo, dixo, a día de hoxe, a comunidade científica aínda non coñece onde se atopa o órgano vomeronasal dos humanos.

 

Asistes á charla de Sánchez Quinteiro, nos Xantar Biocientífico de BioReDes celebrado no edificio Cactus
Sánchez Quinteiro, na súa intervención nos Xantares Biocientíficos de BioReDes
The contents of this page were updated on 01.17.2020.