Skip to main content

A USC premia ideas de xestión territorial en Galicia

Paisaxe forestal
Paisaxe forestal
O galardón Rafael Crecente, creado polo Ibader e dotado con 3.000 euros, está aberto a titulados universitarios do último lustro. O prazo remata o 28 de febreiro
Lugo

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) vén de convocar en colaboración co Laboratorio do Territorio (LaboraTE) da USC a terceira edición dos Premios Rafael Crecente a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial, uns galardón creados en homenaxe á figura do profesor Rafael Crecente Maseda (1964-2015), considerado como un dos grandes expertos en xestión territorial de Galicia, cuxas bases da convocatoria están accesibles na web do Ibader.

A terceira edición dos Premios Rafael Crecente a Iniciativas e Ideas Innovadoras de Xestión Territorial está dotada con 3.000 euros en metálico para as dúas propostas máis valoradas (2.000 euros para a idea gañadora e 1.000, para a segunda iniciativa máis cualificada) polo consello científico do Ibader, que terá as funcións de comisión avaliadora.

Os III Premios Rafael Crecente pretenden servir de estímulo para impulsar a formulación e aplicación práctica de ideas relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente  ou a mellora da xestión territorial en sentido amplo en Galicia. Trátase dun certame aberto á participación de todas aquelas persoas que remataran a súa titulación de grao ou máster nos últimos cinco anos. O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 28 de febreiro de 2020 no enderezo electrónico premio.rafaelcrecente [at] usc.es (premio[dot]rafaelcrecente[at]usc[dot]es).

As persoas candidatas deberán enviar as súas propostas orixinais, xa en galego xa en español, en formato pdf tamaño A4 e cunha extensión máxima de 50.000 caracteres sen espazos. Os solicitantes deberán pedir tamén confirmación da correcta recepción do documento enviado. As persoas que concorran a este certame deberán cumprimentar asemade un formulario adxunto que xa está accesible na web do Ibader.

O Consello Científico do Ibader desempeñará as funcións de comité avaliador das propostas presentadas ao Premio Rafael Crecente, podendo solicitar o asesoramento de persoal experto externo. Os membros deste comité avaliador valorarán a viabilidade práctica da idea ou proxecto innovador, o impacto na sustentabilidade territorial e a xestión dos recursos en Galicia, e que teña compoñentes de innovación social, como por exemplo, no eido da xestión da propiedade.

Rafael Crecente Maseda
O profesor Rafael Crecente Maseda [1964-2015] estaba considerado como un dos grandes expertos en xestión territorial de Galicia. Foi profesor titular do Departamento de Enxeñería Agroforestal da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela, e o seu labor estivo vencellado principalmente á investigación, como director do Grupo de Investigación  Territorio-Biodiversidade - Laboratorio do Territorio, e coordinador do Sistema de Información Territorial (SIT) da USC.

Rafael Crecente participou asemade activamente como investigador en países de Latinoamérica, fundamentalmente en Ecuador, lugar no que impulsou un programa de colaboración, así como en convenios con países de Europa central e do leste. Tamén foi consultor da oficina rexional da FAO en Budapest e profesor invitado na Universidade de Múnich. Tamén foi investigador do Ibader adscrito ao Grupo de Investigación 1934 - Territorio e Biodiversidade.

 

The contents of this page were updated on 01.20.2020.