Mabel Loza, premio Wonenburger
A catedrática da USC Mabel Loza acaba de recibir o premio María Josefa Wonenburger Planells, destinado a recoñecer a traxectoria de mulleres científicas de Galicia que se adiantaron ao seu tempo e abriron camiños a moitas outras. Loza abordou no seu discurso a importancia do equipo e das persoas como elemento fundamental para facer ciencia de calidade, sempre orientada a resultados e que se erixe na misión da universidade pública.
Pola súa banda, o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, resaltou na súa intervención o compromiso inquebrantable de Mabel Loza coa importancia da ciencia e do coñecemento para avanzarmos como sociedade. Un compromiso que desenvolve cada día desde o grupo BioFarma da USC, destacou Feijóo. “Como Wonenburguer, Loza realizou estadías fóra, no seu caso, no Centro Médico Monte Sinaí de Nova York. Pero continuou a súa carreira científica en Galicia, desde a mesma alma máter na que se formou, a Universidade de Santiago, e o eco das súas investigación traspasa as nosas fronteiras”, expuxo, subliñando ademais a súa participación na creación de tres compañías.
O presidente do Executivo galego concluíu a súa intervención incidindo en que a ciencia galega escríbese cada vez máis con nome de muller, como proba este galardón. “Inmaculada Paz Andrade, María Teresa Miras Portugal, María Soledad Soengas, Carmen Navarro, Ofelia Rey, Tarsy Carballas, María José Alonso, Carmen García Mateo, Isabel Aguirre, Peregrina Quintela, Begoña Vila, Alicia Estévez. Todas elas foron premidas e todas elas asinan traxectorias sobresaíntes no eido científico e académico ás que hoxe se suma Mabel Loza”, sentenciou.
Este galardón leva o nome da investigadora e matemática galega María Josefa Wonenburger, unha autentica pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias e que foi unha científica adiantada ao seu tempo. O premio naceu para resaltar as traxectorias relevantes de mulleres nos eidos das ciencias e da tecnoloxía, baixo un nome que pretende ser unha homenaxe á figura da matemática coruñesa.