Tecnoloxía 'low cost' para o patrimonio cultural
A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo da USC achega ferramentas fotogramétricas ‘low cost’ para avanzar no estudo, documentación e catalogación do patrimonio cultural. Esta nova contribución centra a tese de doutoramento ‘Aplicacións d fotogrametría de baixo custo ao estudo de patrimonio arqueolóxico e arquitectónico’, desenvolvida por Simón Peña Villasenín baixo a dirección dos profesores do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Mariluz Gil Docampo e Juan Ortiz Sanz.
A investigación de doutoramento desenvolvida por Peña Villasenín sitúase no campo da documentación fotogramétrica de patrimonio arquitectónico e arqueolóxico, e amosa a posibilidade de desenvolver en determinadas circunstancias este cometido de xeito colaborativo por parte de profesionais e afeccionados con medios e coñecementos limitados. A avaliación da variabilidade metodolóxica da fotogrametría de obxecto próximo en termos de calidade xeométrica, a calidade visual, e o rendemento e a accesibilidade técnica centran as pescudas recollidas na tese de Peña Villasenín, na que se testan fluxos de traballo simples e de baixo custo que permiten obter modelos 3D en situacións complexas que melloran os resultados de técnicas de partida máis avanzadas como o láser escáner.
Nos casos de estudo de patrimonio arquitectónico en centros históricos, as metodoloxías descritas permiten obter modelos 3D de calidade, mesmo en situacións extremas onde a aplicación de metodoloxías estandarizadas non son aplicables debido ás limitacións do espazo de traballo. No referente ás tarefas de documentación xeométrica de petróglifos, os fluxos de traballo descritos, melloran os resultados e rendementos de técnicas a priori máis avanzadas como o láser escáner. Asemade, defínese un fluxo de traballo completo mediante software gratuíto en todo o proceso, baseado na aplicación de fotogrametría Structure from Motion (SfM), realces e vectorización automática, que permiten documentar un número elevado de petróglifos nun período curto de tempo, ademais de rexistrar de modo obxectivo gravados de arte rupestre ‘Atlántico’ que os métodos tradicionais non conseguen detectar.
Simón Peña organiza a súa tese de doutoramento en catro capítulos. Nos dous primeiros, o autor propón novos procedementos de captura de fotografías e aborda o modelado tridimensional de fachadas históricas no centro histórico de Santiago de Compostela, para logo comparar as prestacións de software gratuíto e profesional no caso das fachadas do mosteiro de San Martiño Pinario e no do centro histórico compostelán. A comparativa entre o uso da fotogrametría SfM e o láser escáner para a detección de gravados arte rupestre ocupa o terceiro apartado da tese, que remata cun capítulo sobre arte rupestre atlántica no que Peña Villasenín, a través da súa proposta de traballo colaborativo, abre a posibilidade, por exemplo, ao rexistro dos máis de 3000 petróglifos que existen catalogados actualmente en Galicia.
Impacto social
A investigación de doutoramento desenvolvida polo enxeñeiro Simón Peña, quen actualmente está ligado á empresa UAV Galicia, encádrase dentro das actividades científicas de Xeomática Aplicada e Patrimonio Cultural da agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra BioReDes, ao tempo que ten un salientable impacto social e económico. De feito, a metodoloxía de traballo proposta permite o seu uso a profesionais non expertos nas técnicas de fotogrametría, para escanear obxectos en tres dimensións mediante fotografías, a fin de poder virtualizalos e coñecer as súas características tanto visuais como métricas.
A investigación de doutoramento presentada este venres na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo proporciona as claves para a catalogación e documentación do amplo patrimonio cultural tan abundante no medio rural galego mediante traballo colaborativo e técnicas de baixo custo, que permiten, por exemplo, o emprego de cámaras fotográficas de teléfonos móbiles e o uso de software gratuíto de procesamento na nube.
Tribunal de tese e cualificación
O catedrático de Enxeñaría Agroforestal da Universidade Politécnica de Madrid, Ignacio Cañas Guerrero, presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Simón Peña Villasenín, cuxas pescudas xa deran pé a catro publicacións científicas en revistas de impacto. O profesor da EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC David Miranda Barros e o enxeñeiro de Montes Santiago Martínez Rodríguez, completaron o tribunal, que outorgou a máxima cualificación a esta investigación de doutoramento.