Skip to main content

USC e Xunta presentan en Bruselas o II Cumio Académico e do Coñecemento UE-CELAC

Antonio López e Carmen Pomar presentan o cumio dende este luns en Bruxelas
Antonio López e Carmen Pomar presentan o cumio dende este luns en Bruxelas
O Cumio, o maior encontro internacional do ámbito académico entre países de Europa, América Latina e o Caribe, desenvolverase en Compostela en xuño
Santiago de Compostela

O reitor Antonio López e a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presentan dende este luns en Bruxelas o II Cumio Académico e do Coñecemento UE-CELAC, que se desenvolverá en Compostela en xuño. A comitiva mantén ata este martes encontros e reunións bilaterais con diferentes autoridades internacionais, entre eles o embaixador de México, Mauricio Escanero Figueroa; eurodiputados e embaixadores do grupo de América Latina e Caribe diante das Nacións Unidas. A finalidade é informar dos detalles do programa e avanzar nos obxectivos do encontro.

Nesta viaxe tamén toman parte a vicerreitora de Titulacións da USC, María Victoria Otero Espinar; e o secretario executivo do Consello Universitario CELAC-UE, Félix García Lausín, entre outros membros do comité organizador. Ademais de presentarlles o Cumio, que é o maior encontro internacional do ámbito académico entre países de Europa, América Latina e o Caribe, as reunións que se desenvolverán estes dous días en Bruxelas teñen como obxectivo avanzar na construción dun espazo común de coñecemento entre os devanditos países, o que constitúe o fin principal do propio Cumio. 

Programa da presentación
O programa de reunións de presentación do Cumio comezou este luns cun encontro co embaixador de México, Mauricio Escanero, que actualmente ocupa a presidencia pro tempore da CELAC. Posteriormente a comitiva reuniuse con embaixadores do grupo de América Latina e Caribe diante das Nacións Unidas (GRULAC). A axenda do luns complétase cun encontro co embaixador representante permanente adxunto de España diante da UE, Juan Aristegui Laborde, así como con representantes do Servizo de Atención Exterior da UE e a directora de Cooperación Internacional da Comisión Europea, Antoaneta Angelova-Krasteva. 

Durante a mañá do martes, manteranse diferentes encontros no Parlamento Europeo con eurodiputados españois das comisións de Educación, I+D e Exteriores, así como da Asemblea Parlamentaria Euro-Latinoamericana (Eurolat), como Javier Fernández Fernández, director de Políticas Exteriores del Parlamento Europeo e cosecretario de Eurolat. Xa pola tarde, celebrarase unha reunión conxunta co Servizo Europeo de Acción Exterior (SEAE) e a Dirección Xeral de Cooperación Internacional e Desenvolvemento (DG DEVCO), que se celebrará na sede da Fundación Galicia Europa.

O reitor na presentación do cumio
O reitor na presentación do cumio

USC, anfitrioa académica
A USC será a anfitrioa académica e local, así como a institución responsable da organización do cumio, no que ademais da Xunta, tamén colaboran as universidades da Coruña e de Vigo, o Consello Universitario CELAC-UE, a Secretaría Xeral Iberoaméricana (SEGIB) e o Consello Universitario Iberoamericano (CUIB). O Cumio congregará na capital de Galicia a máis de 500 participantes europeos e iberoamericanos do mundo académico, investigador, científico e do emprendemento, así como autoridades internacionais, para debater e poñer en común estratexias que impulsen a cooperación e o desenvolvemento inclusivo en educación superior, cun acceso equitativo e de calidade, que faciliten o intercambio de coñecementos e a transferencia de tecnoloxías. 

En concreto, no Cumio afondarase no papel das universidades na asociación estratéxica establecida entre a UE e os 33 países que compoñen a Comunidade de Estados Latinoamericanos y Caribeños (CELAC), en como orientar a actividade académica e investigadora cara ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU e a Axenda 2030, así como nos mecanismos necesarios para construír un Espazo Común de Educación Superior e de Investigación UE-CELAC.

A celebración deste II Cumio Académico e do Coñecemento en Santiago de Compostela foi acordada en outubro de 2017 no marco do Consello Universitario desta entidade na Conferencia anual da Asociación Nacional de Universidades e Institucións de Educación Superior de México (ANUIES) celebrado en Guadalaxara (México); e que contou co visto e prace das tres universidades do SUG. A Consellaría de Educación achega un total de 352.900 euros para financiar o desenvolvemento deste encontro que organiza a USC.

A CELAC é un instrumento intergubernamental de diálogo e concertación política, integrado por países de América Latina e o Caribe, que ten entre as súas atribucións a interlocución e diálogo coa Unión Europea. Os cumios CELAC-UE reúnen os dirixentes europeos, latinoamericanos e caribeños co obxecto de fortalecer as relacións entre ambas rexións a través de foros de diálogo e cooperación entre os Estados da UE e América Latina e o Caribe. Na súa primeira edición na Universidade do Salvador en 2017, os acordos alcanzados quedaron plasmados na Declaración de San Salvador, onde se recolle o ofrecemento do goberno galego como anfitrión do II Cumio Académico e do Coñecemento CELAC-UE.
 

The contents of this page were updated on 02.04.2020.