A web da Universidade, 14 de España pola súa presenza e transferencia de coñecemento
O ránking Webometrics, elaborado polo Cybermetrics Lab do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), acaba de situar a web da USC como a de maior impacto do Sistema Universitario Galego (SUG), ademais de considerala como a número 14 no contexto estatal de entre os 262 centros de educación superior españois que integran a clasificación.
Esta listaxe mide con carácter semestral o rendemento e a visibilidade global das universidades e outros centros de educación superior baseándose na súa presenza, visibilidade, impacto e transferencia de coñecemento. Neste senso, a presenza mide o volume de información publicada na web; o impacto constrúese a partir da transferencia de coñecemento; a apertura, contando o número de documentos que se ofrecen en aberto; e a excelencia que inclúe os artigos de calidade situados entre o 10% máis citados de cada especialidade. Esta listaxe sitúa ademais a web da USC entre as 500 mellores do mundo. Ademais, no relativo especificamente á súa presenza, a Universidade ocupa a posición 127. A nivel estatal, a USC é oitava no relativo á presenza e novena en apertura.
O principal trazo diferencial da clasificación realizada por Webometrics é que os parámetros analizados cambian en función da propia evolución dos indicadores de medición no mundo web, polo que se trata dun sistema actualizado de forma permanente e máis exhaustivo. Non se cingue unicamente a factores como o deseño web, usabilidade ou número de visitas, senón que toma en consideración a calidade da docencia en base ao criterio de transmisión de coñecemento e da súa aplicación no mundo empresarial.
Cybermetrics Lab conta cunha ampla traxectoria na medición de webs de institucións de ensino superior, xa que as primeiras análises realizadas datan de 1996. O obxectivo primordial que se persegue coa elaboración desta clasificación é promover a presenza de páxinas web de institucións académicas para que reverta dunha forma significativa na transmisión de coñecemento científico e cultural xerado á sociedade. Por outra banda, busca consolidar o progreso de cambio no eido académico e acadar un maior compromiso na mellora da difusión dos resultados do traballo académico realizado. Na segunda década do século XXI o papel da páxina web das universidades ten incrementado a súa importancia coa implantación de programas de aprendizaxe a distancia e como ferramenta de captación e atracción de talento.