Skip to main content

Día da Muller e da Nena na Ciencia

Laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
Laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
Mesas redondas, unha masterclass de física de partículas ou unha obra teatral, serán algunhas das actividades que nutren o programa de actividades para o 11 de febreiro
Lugo, Santiago de Compostela

Os campus de Santiago e Lugo serán sede este martes 11 de dúas xornadas que servirán para conmemorar o Día da Muller e da Nena na Ciencia. A visibilidade das científicas, así como o empredemento feminino serán algunhas das cuestións abordadas nestes foros. 

A V Xornada Mulleres na Ciencia desenvolverase na Facultade de Ciencias da Comunicación a partir das 16.00 horas. O foro servirá para debater sobre a visibilidade das mulleres científicas. Pola súa parte, o salón de actos da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo acollerá o mesmo martes 11, a partir das 12.00 horas, a II Xornada Mulleres Ciencia e Tecnoloxía na que se desenvolverá unha mesa redonda sobre emprendemento feminino con base científico-tecnolóxica. 

Outras actividades
Unha masterclass de física de partículas, impulsada polo IGFAE, que se estenderá entre as 9.30 e as 17.00 horas, na Facultade de Física, nutre tamén o programa de actividades deseñado dende a USC para conmemorar o Día da Muller e da Nena na Ciencia este 11 de febreiro. O CiMUS acollerá, pola súa banda, a mesa redonda ‘Muller de ciencia’, a partir das 10.00 horas; mentres que a Facultade de Química tentará responder á cuestión ‘Existe a igualdade de xénero na ciencia?’, a través doutra mesa redonda que dará comezo ás 17.00 horas. Finalmente, a obra teatral ‘Foto 51’ e a mesa redonda ‘Muller e ciencia’ terán lugar, ás 20.00 horas, na Aula Magna da Facultade de Bioloxía. Esta iniciativa está organizada polo propio centro e os grupos de investigación de Estudos medioambientais aplicados ao patrimonio natural e cultural (GEMAP) e de Ecotoxicoloxía e Ecofisioloxía Vexetal (ECOTOX) da USC. 

Con todo, diferentes iniciativas nesta mesma liña iranse desenvolvendo ao longo de todo o mes de febreiro. Así, o vestíbulo do CiMUS acollerá o 12 de febreiro, en horario de 10.00 a 14.00 horas, a iniciativa ‘Superciencias. O futuro é un xogo de nenas’, en colaboración coa Asociación española contra o cancro. A conferencia ‘Mujeres y ciencia: ¿la química funciona?” a cargo de Marta Macho Stadler, desenvolverase o 19 de febreiro, ás 13.00 horas, na Aula Magna da Facultade de Química. 

O relatorio ‘Ada Lovelace e as pioneiras informáticas’ a cargo de Amelia Verdejo Rodríguez, conforma este luns 10, no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), o punto de partida para este programa de actividades. Este relatorio constitúe un percorrido polos inicios da informática, poñendo de manifesto que unha ciencia que nestes momentos ten unha fenda de xénero tan marcada, non só foi iniciada por unha muller, Ada Lovelace, senón que nos seus inicios contou con figuras fundamentais como Joan Clarke, quen descifrou o código Enigma xunto a Alan Turing utilizando as primeiras versións de computadores como o Colossus británico, ou o ENIAC estadounidense, que eran manexados totalmente por mulleres. 
 

The contents of this page were updated on 02.12.2020.