Deporte como valor universitario
O Servizo de Deportes da USC celebrará o vindeiro 1 de decembro a III Carreira Popular Campus Terra Leyma , unha cita atlética de carácter internacional, aberta á participación de deportistas federados, non federados, ademais de a categorías escolares, a través da que a USC tamén reforza a súa aposta pola vida, o deporte e os hábitos saudables. saudable achega o seu gran de area á Fundación Galega contra o Narcotráfico e fai visible así o seu rexeitamento ao consumo de drogas. O itinerario da proba sénior é de 7.400 metros de distancia e dificultade media, un trazado que descorrerá pola contorna da sede universitaria luguesa tras cubrir un treito do parque urbano do río Miño. A inscrición está aberta ata as 23:59 horas do 26 de febreiro en www.carreirasgalegas.com, a web na que tamén está accesible o regulamento da proba e información relativa a idades, distancias e horarios de saída de cada unha das categorías participantes.
O circuíto da III Carreira Popular Campus Terra Leyma, cuxas probas de categorías inferiores partirán ás 11.30 horas do estadio de Atletismo Gregorio Pérez Rivera de Lugo, onde tamén estará fixada a meta, será sobre asfalto e terra e estará pechado ao acceso de vehículos, agás os autorizados pola organización. A competición desta carreira, incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, está estruturada en cinco categorías: pitufos, promoción, Sub 16, 14, e 12; Sub 18 e adultos.
Os dorsais poderán recollerse o día anterior á proba no edificio da Biblioteca Intercentros do campus de Lugo. As persoas procedentes de fóra do concello de Lugo poderán retirar os dorsais ata media hora antes do comezo da proba na zona habilitada pola organización nas instalación do Estadio Gregorio Pérez Rivera.
Todas as persoas que formalicen a súa inscrición nesta proba atlética recibirán como agasallo unha camiseta técnica. A organización establece premios para os tres primeiros clasificados masculinos e femininos da carreira absoluta. Haberá tamén trofeos para os tres primeiros corredores por categoría e sexo. Á marxe desta clasificación xenérica, a III Carreira Popular Campus Terra da USC constitúe tamén a sétima proba do campionato universitario galaico duriense, no que participan equipos das tres universidades galegas, así como das institucións académicas lusas de Porto, Tras Os Montes e Alto Douro e Universidade de Miño.
Dimensión solidaria
A III Carreira Popular Campus Terra da USC é unha cita deportiva de marcado selo universitario, pero tamén presenta unha clara orientación solidaria, como o proba o feito de que Federación Galega contra o Narcotráfico percibirá como doazón un euro de cada inscrición, ao tempo que se trata dunha iniciativa encamiñada a fomentar os hábitos saudables entre a comunidade universitaria, en particular, e no conxunto da sociedade en xeral.
Presentación
A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel salientou na presentación desta cita deportiva a validez dos valores deportivos para o Campus de Lugo da USC, do mesmo xeito que o fixo a conselleira delegada do Grupo Leche Río. Carmen Lence salientou neste senso a forte aposta do grupo empresarial que dirixe polo fomento do deporte e do deporte escolar especialmente. Este esforzo é aínda maior no medio rural, onde os máis cativos acostuman ter menos oportunidades, dixo. Carmen Lence tamén comentou que os valores asociados á práctica deportiva, tales como de superación, perseverancia, iniciativa e compromiso, constituíron tamén os piares sobre os que fundador Jesús Lence cimentou a construción do Grupo Leche Río.
O deputado provincial delegado da área de Deportes, Efrén Castro Caloto, aproveitou a presentación da III Carreira Popular Campus Terra Leyma para subliñar as múltiples sinerxías que favorece o deporte, un entendemento, que, segundo indicou, se fai visible a través da colaboración nun mesmo proxecto de administracións locais, provincias e autonómicas e tamén a través do posicionamento conxunto de empresas, organizacións non gobernamentais, administracións e a USC a prol da loita contra a droga.
O encargado da área de Deportes no Campus de Lugo animou a todas as persoas amantes do deporte a tomar parte nesta iniciativa, unha carreira popular que na última edición superou o medio millar de participantes. Jesús Castro tamén fixo un agradecemento explícito ás empresas Coca Cola, El Progreso e Torvar, por colaborar con esta iniciativa.