Skip to main content

Santiago, capital do xadrez

Como novidade con respecto á I edición, celebrarase tamén un torneo aberto a todos os xogadores cun límite de 50 prazas. FOTO: Santi Alvite
Como novidade con respecto á I edición, celebrarase tamén un torneo aberto a todos os xogadores cun límite de 50 prazas. FOTO: Santi Alvite
O II Maxistral Cidade de Compostela esténdese dende este martes ata o vindeiro 18 de febreiro
Santiago de Compostela

O II Maxistral Cidade de Compostela foi inaugurado este martes, no Hotel Hesperia Peregrino, onde se estenderá ata o vindeiro 18 de febreiro. Miguel Magán, director do Servizo de Deportes da USC; Esther Pedrosa, concelleira da área de Deportes do Concello de Santiago; Manuel Varela, presidente de Caixa Rural Galega; e Alfonso Cabaleiro, xerente de Galicia Calidade, tomaron parte no acto que servirá para botar a andar este torneo de xadrez.

O torneo pechado segue a súa filosofía de impulsar os máis prometedores xogadores galegos para darlles a oportunidade de acadar as normas de Mestre Internacional e Grande Mestre Internacional. Deste xeito os composteláns, Luís Medarde e Fernando Sánchez, xunto co ourensán David Gómez e o pontevedrés Alberto Portela, loitarán por conseguir os 5 puntos dun total de 9, o que lles outorgaría matematicamente a norma de Mestre Internacional. 

O outro galego, o xa Mestre Internacional Julio Súarez, precisaría un total de 7 puntos sobre 9, para conseguir a súa primeira norma de Grande Mestre. Na mesma circunstancia atópase o leonés José González, xogador nacional convidado nesta edición. Os grandes mestres convidados son o portugués e cinco veces campión nacional Luís Galego; o búlgaro, 1 vez campión nacional e membro das selección olímpica en dúas ocasións Vladimir Petkov; o serbio Aleska Strikovic, último campión de Iugoslavia; e o armenio Karen Grigoryam, a figura do momento, que pasa dos 2660 puntos de elo fide e aproxímase ao top 100 mundial. Todas as partidas poderanse seguir en directo nos salóns do Hotel Peregrino, e tamén no portal www.chess24.es cos comentarios do GM David Lariño, campión nacional absoluto.

Como novidade con respecto á I edición, celebrarase tamén un torneo aberto a todos os xogadores cun límite de 50 prazas, no que se repartirán unha bolsa de premios de 1500 euros. A priori o Mestre Internacional Diego Espiñeira é o favorito desta proba, na que tamén participan o Mestre Fide Marcial García Carbo, e outros relevantes xogadores como Henrique Rey Malde, campión absoluto galego; Carlos Pena, Eloy Sixto, Pablo Cordido ou Aspet Tadevosyan, actual campión mundial sub 14. O torneo dá comezo ás 17.00 horas deste martes. 
 

The contents of this page were updated on 02.12.2020.