A USC pon o foco nas mulleres científicas

Unha masterclass de física de partículas, impulsada polo Instituto de Física de Altas Enerxías (IGFAE), serviu de punto de partida este martes, ao programa de actividades que a USC desenvolve co gallo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Con esta clase maxistral, achegouse ás alumnas de bacharelato o traballo das investigadoras do instituto, visibilizando así o labor científica levada a cabo por mulleres e fomentando as vocacións das nenas.
O Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) acolleu, pola súa banda, a mesa redonda ‘Muller de ciencia’, na que as investigadoras e profesoras da USC Mabel Loza e María José Alonso; a xestora do Centro, Ruth González; a presidenta da Agrupación industrial de Saúde de Galicia, Rocío Mosquera; a representante de Executivas de Galicia, Sara Campos; e o catedrático da USC, Anxo Carracedo, reuníronse para debater sobre o desenvolvemento da carreira científica con perspectiva de xénero. Ao acto tamén quixeron sumarse a secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey. Experiencias persoais no desenvolvemento profesional, anécdotas e pluralidade foron os eixos que centraron as exposicións das investigadoras e tecnólogas.
Lugo
A Facultade de Ciencias do campus de Lugo foi sede da II Xornada Mulleres Ciencia e Tecnoloxía na que se desenvolveu unha mesa redonda sobre emprendemento feminino con base científico-tecnolóxica. Maruxa García Quiroga de TasteLab, empresa de tecnoloxía en análise sensorial; Carme Cillero Castro de 3Edata, empresa de enxeñaría ambiental; Tamara Arango López de BeWell, empresa de certifi¬cación de benestar animal; e Mª Ángeles Novo Martínez de ‘Ángeles Novo Nutrición’, tomaron parte nesta iniciativa que contou coa moderación de Carla Reyes Uschinsky, periodista e presidenta de Executivas de Galicia.
Santiago
A V Xornada Mulleres na Ciencia desenvólvese na Facultade de Ciencias da Comunicación a partir das 16.00 horas. A xornalista Iolanda Casal moderará unha mesa redonda integrada por Pablo Francescutti da Universidad Rey Juan Carlos, Leonor Parcero de DivulgAcción, e Tamara Montero da asociación Xornalistas Galegas. O foro serve para debater sobre a visibilidade das mulleres científicas e no marco do mesmo, desenvolverase a Asemblea Xeral Ordinaria de Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas en Galicia (AMIT-Gal).
Pola súa parte, a Facultade de Química tenta responder á cuestión ‘Existe a igualdade de xénero na ciencia?’, a través doutra mesa redonda ás 17.00 horas. Finalmente, a obra teatral ‘Foto 51’ e a mesa redonda ‘Muller e ciencia’ terá lugar, ás 20.00 horas, na Aula Magna da Facultade de Bioloxía. Esta iniciativa está organizada polo propio centro e os grupos de investigación de Estudos medioambientais aplicados ao patrimonio natural e cultural (GEMAP) e de Ecotoxicoloxía e Ecofisioloxía Vexetal (ECOTOX) da USC.
Axenda para os vindeiros días
Con todo, diferentes iniciativas nesta mesma liña iranse desenvolvendo ao longo de todo o mes de febreiro. Así, o vestíbulo do CiMUS acollerá o 12 de febreiro, en horario de 10.00 a 14.00 horas, a iniciativa ‘Superciencias. O futuro é un xogo de nenas’, en colaboración coa Asociación española contra o cancro. A conferencia ‘Mujeres y ciencia: ¿la química funciona?’ a cargo de Marta Macho Stadler, desenvolverase o 19 de febreiro, ás 13.00 horas, na Aula Magna da Facultade de Química.