As solicitudes de prácticas externas extracurriculares en empresas e institucións poden solicitarse ata o 26 de febreiro
Ata o próximo día 26 de febreiro permanecerá aberto o prazo de presentación de instancias da convocatoria de prácticas externas extracurriculares en empresas ou institucións ao abeiro dos convenios asinados co Consello Social da USC. Estes períodos de prácticas deberán desenvolverse entre o 12 de febreiro e o 30 de setembro de 2020.
A esta convocatoria poderá presentarse o alumnado dos graos de Administración e Dirección de Empresas, Bioloxía, Dereito, Economía, Educación Social, Enxeñaría Civil, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Enxeñaría Informática, Historia, Mestre ou Mestra en Educación Primaria, Óptica e Optometría, Pedagoxía, Química, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Traballo Social, Veterinaria e Xestión de Pequenas e Medianas Empresas. Tamén poderán optar estudantes dos dobres graos Dereito– Relacións Laborais e Recursos Humanos e Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria–Enxeñaría Forestal e do Medio Natural; e dos másteres en Bioloxía Mariña, Computación de Altas Prestacións, Dirección de Empresas, Dirección e Xestión Contable e Financeira; Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sustentable; Enxeñaría Agronómica, Física, Investigación Química e Química Industrial, Matemáticas, Matemática Industrial, Tecnoloxía de Análise de Datos Masivos: Big Data, Xerontoloxía e Xestión e Dirección Laboral.
O período de prácticas terá unha duración mínima de 125 horas (5 ECTS) e máxima de 750 horas (30 ECTS) a realizar no prazo máximo de 6 meses. As persoas interesadas deberán ser estudantes da USC que non teñan cuberto o número máximo de créditos de prácticas externas extracurriculares; non ter superado o traballo fin de grao ou de máster da titulación pola que solicita as prácticas; e non manter ningunha relación contractual coa empresa, institución ou entidade na que se vaian realizar as prácticas.
As solicitudes presentaranse a través do catálogo de procedementos da sede electrónica da USC. Na solicitude poderanse indicar ata un máximo de 3 ofertas por orde de preferencia. O Consello Social premiará con 1500 euros ao estudante mellor valorado por parte do titor externo.