Skip to main content

Universidades do sueste asiático fórmanse na USC en comunicación sobre o desenvolvemento sostible

Imaxe de grupo dos representantes das universidades participantes. Foto: Santi Alvite
A reunión de posta en marcha do proxecto europeo SDGs celebrouse no Salón Nobre. Foto: Santi Alvite
O proxecto europeo SDGs, que conta cun millón de euros para a súa execución, traballará na creación de ferramentas para comunicar efectivamente neste eido

“Os xornalistas e os medios de comunicación xogan un papel clave na concienciación da sociedade en xeral sobre os obxectivos que persegue a Axenda para o Desenvolvemento Sostible 2030. Teñen a capacidade de decidir que é relevante a nivel informativo, como se comunican e de que xeito crean un inconsciente colectivo que conforma a opinión pública”, sinala o profesor Marcelo Martínez Hermida, investigador principal do proxecto ‘Sustainable Development Goals in Journalism Reporting’ (SDGs) (Obxectivos de desenvolvemento sostible na comunicación xornalística). “A comunicación xornalística neste eido precisa ser independente, precisa, imparcial, sempre baixo a premisa da liberdade de expresión e a calidade”, engadiu o docente no transcurso da reunión de posta en marcha deste proxecto internacional celebrada en Compostela este luns.

Unha vintena de representantes de universidades do sueste asiático participa ata a vindeira semana na reunión de posta en marcha do proxecto. Esta iniciativa, que conta cun millón de euros para a súa execución, será coordinada pola USC a través da Vicerreitoría de Estudantes e Internacionalización e a Facultade de Ciencias de Comunicación. O proxecto persegue dotar a profesionais do xornalismo de ferramentas e coñecementos para informar no eido do coñecemento sostible dunha forma efectiva e orientada a acadar os obxectivos estipulados na Axenda para o Desenvolvemento Sostible 2030.

O consorcio, formado por oito universidades de Romanía, Cambodia, China, Luxemburgo e Malasia, está liderado polo profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación Marcelo Martínez Hermida. O programa do evento, a desenvolver ata o vindeiro luns 24, comprende unha sesión de posta en marcha do proxecto e diversas actividades formativas sobre comunicación e desenvolvemento sostible, así como unha visita ao Campus de Lugo.

No acto inaugural, celebrado hoxe no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, interveu o vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce Vázquez, destacando “o gran labor desenvolvido de forma conxunta pola Facultade de Ciencias da Comunicación e a Vicerreitoría de Estudantes e Internacionalización na consecución da coordinación deste proxecto na última convocatoria nunha materia tan pertinente neste momento”. Nesta liña “a USC consolida a súa posición de liderado en Europa un ano máis, ocupando a terceira posición en cooperación de proxectos entre universidades”, engadiu.

Comunicación sostible dende diferentes áreas

Ata o luns 24 os membros do consorcio participarán nunha reunión de posta en marcha do proxecto para definir as principais directrices para a súa execución así como nunha formación específica sobre a comunicación xornalística e o desenvolvemento sostible, a desenvolver na Facultade de Comunicación.

O programa inclúe seminarios a modo introdutorio sobre comunicación ambiental e outros sobre materias específicas como economía, transparencia informativa, perspectiva de xénero, modelos de investigación ou big data na súa aplicación ao desenvolvemento sostible.

O venres 21 os participantes visitarán o Campus de Lugo onde serán recibidos pola adxunta á vicerreitoría de Coordinación para Investigación, Transferencia e Innovación, M.ª Elvira López Mosquera. A continuación realizarán un percorrido polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) e coñecerán o grupo de investigación FARMATOX, así como a agrupación estratéxica BioRedes. A xornada rematará cunha visita ao patrimonio histórico da cidade.

 

The contents of this page were updated on 02.18.2020.