Skip to main content

Dous titulados da USC, número 1 dos exames de Farmacéutico e Enfermeiro Interno Residente

Dous titulados da USC, número 1 dos exames de Farmacéutico e Enfermeiro Interno Residente
Dous titulados da USC, número 1 dos exames de Farmacéutico e Enfermeiro Interno Residente
Estes resultados “demostran a boa preparación do noso estudantado”, afirma o decano da Facultade de Farmacia Francisco Otero Espinar

Daniel Gómez Costas, graduado en Farmacia, e Pablo Nogueira González, graduado en Enfermaría, acaban de obter as cualificacións máis altas nos exames de Farmacéutico e Enfermeiro Interno Residente, FIR e EIR, respectivamente. A listaxe de resultados provisionais fíxoa pública este martes o Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social.

Nas probas FIR, outro ex alumno da USC, Francisco Cajade Pascual, tamén pertencente á Facultade de Farmacia, obtivo a oitava posición nesta clasificación provisional. O decano do centro, Francisco Otero Espinar, amosouse moi satisfeito este martes cos resultados obtidos. “É moi complexo para unha facultade que non é moi grande se a comparamos con outras do contexto español, obter uns resultados tan positivos”, sinalou. “Isto demostra a boa preparación do noso estudantado”, apuntou. Otero Espinar quixo salientar que xa o ano pasado os datos foron tamén moi positivos, malia non acadar o primeiro posto que agora chega, “signo de que os alumnos teñen unha preparación excelente”, concluíu. 

Estes exames constitúen as probas de acceso á formación sanitaria especializada do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social. As notas definitivas daranse a coñecer o vindeiro 16 de marzo e as modalidades que abarcan son medicina, farmacia, enfermaría, psicoloxía, bioloxía, química e física. As prazas ofertadas son 271 no caso de farmacia;  1463, en enfermaría; 7512, en medicina; 189, en psicoloxía; 38, en física; e 15, en química. 
 

The contents of this page were updated on 02.19.2020.