Ana Isabel Silveira Rodríguez, reelixida decana de Enfermaría
A profesora renova o seu mandato por unanimidade
Santiago de Compostela
A Xunta de Facultade de Enfermaría elixiu como decana á profesora Ana Isabel Silveira Rodríguez, nunha votación celebrada o mércores 12 de febreiro e na que se contabilizaron 14 votos, sendo todos afirmativos á candidatura presentada. A profesora da USC renova, deste xeito, o seu mandato á fronte do centro.
Diplomada en Enfermaría pola USC con formación de posgrao en Atención Sanitaria, Xestión e Coidados, a profesora Silveira foi responsable académica de Mobilidade da Facultade dende 2000, ademais de ter sido subdirectora da Escola de Enfermaría compostelá entre 2008 e 2012 e vicedecana do mesmo centro entre 2012 e 2014. Ademais foi coordinadora da Comisión de redacción do Grao de Enfermaría. Dende 2016 é decana do centro.