‘Ágora’, cuarta mellor revista española de filosofía
O ránking de visibilidade e impacto das revistas científicas españolas de Humanidades e Ciencias Sociais con selo de calidade FECYT sitúa a revista Ágora.Papeles de Filosofía como a cuarta mellor publicación española no eido da Filosofía, de entre un total de 23 publicacións incluídas nesta especialidade. O obxectivo do ránking, no que Ágora se incorpora á elite das máis excelentes revistas españolas, é servir á Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA) e a outras axencias de avaliación como ferramenta para mellorar os sistemas de acreditación da calidade dos traballos publicados polos investigadores españois nestas áreas de coñecemento.
Ágora. Papeles de Filosofía é unha revista semestral que vén publicándose sen interrupción dende o seu nacemento en 1980. Promovida pola Facultade de Filosofía da USC, acolle traballos orixinais pertencentes a todos os campos da filosofía. Ágora conta co selo de calidade da FECYT e aparece indexada en Philosopher's Index, ESCI, ERIH PLUS, FRANCIS, PIO, ISOC, ULRICH, Fonte Académica Premier, TOC Premier, DIALNET, SUMARIS CBUC e REDIB. As linguas de publicación da revista son o galego, español, inglés, portugués, francés, italiano e alemán.
Como o resto das revistas da USC, Ágora edítase en soporte exclusivamente dixital no Portal Dixital de Revistas da USC baixo o software internacionalmente estandarizado para a edición de revistas científicas e académicas Open Journal Systems (OJS). No mesmo ránking, a revista Verba. Anuario Galego de Filoloxía aparece no décimo posto dun total de 52 revistas na especialidade de Lingüística.