Skip to main content

Dez universidades de Asia Central fórmanse na USC en ‘Big Data’ no marco dun proxecto internacional

Durante a xornada o reitor Antonio López Díaz, mantivo un encontro con catro reitores das universidades participantes coa finalidade de estreitar vínculos con estas institucións. FOTO: Santi Alvite
Durante a xornada o reitor Antonio López Díaz, mantivo un encontro con catro reitores das universidades participantes coa finalidade de estreitar vínculos con estas institucións. FOTO: Santi Alvite
Na apertura de ELBA, dotado cun millón de euros para a súa execución, o reitor da USC, Antonio López Díaz, mantivo un encontro con homólogos destas institucións
Lugo, Santiago de Compostela

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) acolle este xoves 26 e o venres 27 a reunión de posta en marcha do proxecto ‘Establishment of training and research centers and course development on Intelligent Big Data Analytics in Central Asia’ (ELBA). Este proxecto de formación de capacidades, que coordinará a USC a través da Vicerreitoría de Estudantes e Internacionalización e o CiTIUS, participan tamén outras institucións de Uzbekistán, Kazakhstán, Kirgizistán e Tadzhikistán, Italia e Eslovenia. Este evento reuniu en Compostela a máis de 30 membros da comunidade universitaria de Asia Central e Europa.

O proxecto ELBA, que conta con preto dun millón de euros para a súa execución, traballará no desenvolvemento de novas competencias en tecnoloxías innovadoras que contribúan a mellorar o campo do Big Data Analytics, un paradigma de Intelixencia Artificial (IA) que aborda o tratamento de inxentes cantidades de datos. Esta iniciativa, de tres anos de duración, nace para dar resposta á escaseza de profesionais cualificados para abordar a súa xestión, particularmente determinadas áreas xeográficas. 

Na apertura celebrada esta mañá interveu o vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce Vázquez, que subliñou “a importancia e pertinencia deste proxecto e o impacto que vai xerar nos países de Asia Central. A USC conta cunha traxectoria recoñecida na xestión da proxectos de formación de capacidades en colaboración coas universidades participantes nesta iniciativa”. 

Encontro do reitor con homólogos de Asia Central

Durante a xornada o reitor Antonio López Díaz, mantivo un encontro con catro reitores das universidades participantes coa finalidade de estreitar vínculos con estas institucións.

“Este proxecto é unha oportunidade para fortalecer os lazos con outras institucións europeas e de Asia Central nun eido tan punteiro como o do Big Data Analytics”, indica o investigador principal desta iniciativa e profesor da ETSE, David Losada. “Entre outros retos, o proxecto ELBA pretende definir unha axenda para a mellora nas capacidades dos socios de Asia Central na formación e investigación en tecnoloxías Big Data, así como noutras tecnoloxías relacionadas”, sinala.

Xunto á USC, institución coordinadora do proxecto, participan tamén outros dous socios europeos (Politécnico de Turín e Universidade de Primorska) e dez institucións de Asia central, procedentes de Uzbekistán, Kazakhstán, Kirgizistán e Tadzhikistán. As tarefas da USC estarán orientadas a mellorar a capacidade formativa dos socios de Asia Central, monitorizar e asesorar o desenvolvemento de plans de estudo en Big Data Analytics e proporcionar métodos e ferramentas de aprendizaxe en tecnoloxías intelixentes de procesado de datos masivos. Nesta reunión inicial os socios definirán as principais directrices do proxecto e liñas de acción para acometer neste primeiro ano de execución e participarán en varios seminarios sobre boas prácticas para a execución de proxectos impartidos por docentes e técnicos da USC.
 

O proxecto ELBA conta con preto dun millón de euros para a súa execución. FOTO: Santi Alvite
O proxecto ELBA conta con preto dun millón de euros para a súa execución. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 02.28.2020.