Skip to main content

A directora da ETSE traballará para dar máis visibilidade ás mulleres enxeñeiras

Julia González Álvarez. FOTO: Santi Alvite
Julia González Álvarez. FOTO: Santi Alvite
“É importante que o modelo para as alumnas sexa outra muller, para que saiban que é posible alcanzar as mesmas metas”, sinalou Julia González Álvarez no acto de toma de posesión do seu cargo
Santiago de Compostela

Julia González Álvarez tomou posesión este venres do seu cargo como directora da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da USC nun acto presidido polo reitor Antonio López. González Álvarez aproveitou a súa intervención para sinalar a necesidade de outorgar máis visibilidade ás mulleres enxeñeiras, meta que constituirá un dos eixos do seu mandato. 

“Á falta de vocacións para a enxeñería únese a falta de interese das mulleres polas carreiras técnicas, o que se traduce en porcentaxes moi baixas de alumnas”, destacou no seu discurso a directora da ETSE. “A falta de referentes femininos sinálase como unha das principais razóns, por iso, debemos actuar para dar máis visibilidade ás mulleres enxeñeiras. É importante que o modelo para as alumnas sexa outra muller, para que saiban que é posible alcanzar as mesmas metas. A Escola foi punteira en moitos aspectos pero precisamente no tema da igualdade de xénero quédanos moito por facer”, subliñou. Neste senso, González Álvarez salientou que a ETSE é “un dos poucos centros da USC que non ten comisión de igualdade de xénero, así que creo que este é un bo momento para pedir a colaboración do profesorado e alumnado nesta acción”. 

Internacionalización

Competir con máis eficacia no mercado internacional e preparar ao estudantado para enfrontarse con éxito aos retos dunha sociedade globalizada serán outros dos eixos sobre os que pivotará o mandato de Julia González Álvarez. Asemade, a directora da ETSE quixo poñer o foco na creación de títulos atractivos.

“Temos un catálogo de titulacións atractivo e, en xeral, cunha ampla demanda, pero imos seguir promovendo e apoiando novos títulos que poidan ser estratéxicos para o centro e para a nosa Universidade, reforzando ademais a posición da USC na área das enxeñerías fronte ás outras universidades”, destacou. 

Cultura da calidade 

O reitor Antonio López apuntou na súa intervención como a elección de Julia González Álvarez como primeira directora da ETSE convértese en si mesmo nun auténtico referente non só para as alumnas e futuras enxeñeiras, senón tamén para as mulleres que queiran dedicarse a postos de xestión. Nesta liña, Antonio López subliñou que o compromiso coa xestión é un requisito necesario para a autonomía universitaria. Asemade destacou que “selo distintivo deste centro é a súa aposta constante pola cultura da calidade” xa que tanto a demanda como as notas de corte, evidencian que a súa oferta docente resulta atractiva; porén o reitor subliñou a necesidade de estar atentos a posibles melloras que podan repercutir no estudantado. Neste senso, apuntou a necesidade de estar atentos a novos perfís e demandas formativas para a tender as demandas socias. 

Pola súa parte, o ex director Antonio Mosquera fixo unha análise dos seus anos á fronte da dirección da Escola, destacando a oferta de titulacións consolidada, de alta demanda e con boa empregabilidade. 

Currículo

Docente do Departamento de Enxeñaría Química, ademais é coordinadora dende 2004 do grupo de investigación ‘Aproveitamento de materiais lignocelulósicos’ e do mestrado de Enxeñaría Química e Bioprocesos dende o curso 2013-2014. O seu labor investigador centrouse no aproveitamento de materiais lignocelulósicos e en particular de residuos de orixe industrial co obxectivo de aumentar a competitividade  da industria da madeira desenvolvendo novos produtos a partir de procesos sustentables. Neste contexto desenvolveu nove proxectos de investigación de convocatorias públicas nacionais e autonómicas, así como catro contratos de investigación con empresas. En total acumula 57 artigos en revistas internacionais, 52 con índice de impacto SCI.

No capítulo da xestión foi  coordinadora  do  segundo curso  do  grao  en Enxeñaría  Química  dende  2010-2011  a  2012-13 e membro das comisións redactoras das memorias dos títulos de grao e mestrado en Enxeñaría Química. A profesora González Álvarez foi elixida como directora a finais do pasado xaneiro nunha xunta de centro na que se contabilizaron 40 votos a favor da candidatura, seis en branco e un nulo. Xunto a González Álvarez, formarán parte do equipo de goberno, o subdirector David Enrique Losada Carril e o secretario Óscar Rodríguez Figueiras. 
 

Foto de familia tras o acto de toma de posesión. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia tras o acto de toma de posesión. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 02.28.2020.