Skip to main content

Aproveitamento enerxético das correntes

Imaxe dunha barca nun río
Imaxe dunha barca nun río
A EPS de Enxeñaría optimiza conversores hidrocinéticos para obter enerxía das correntes no marco dun estudo desenvolvido polo grupo Cigeo da USC e investigadores da Universidade de Oviedo ao abeiro do proxecto PORTOS que lidera Rodrigo Carballo
Lugo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC avanzará durante o mes de marzo na avaliación, testaxe e optimización de dispositivos hidrocinéticos acaídos para o aproveitamento enerxético das correntes. Este estudo, desenvolvido polo grupo Cigeo da USC e no que tamén colaborarán catro investigadores da Universidade de Oviedo, encádrase no marco do proxecto europeo PORTOS orientado a avanzar cara a o autoabastecemento dos portos mariños que conta cun orzamento global de máis de 2,6 millóns de euros e no que o grupo Cigeo da USC participa xunto con outros 14 socios.

O profesor da EPS de Enxeñaría de Lugo e investigador principal da USC neste proxecto, Rodrigo Carballo, adiantou que o traballo de modelización física de dispositivos conversores de enerxía das correntes desenvolverase na canle de ondas e correntes de que dispón o centro universitario lugués. A existencia desta infraestrutura de investigación posibilitará a realización de ensaios encamiñados a optimizar ou, no seu caso, adaptar e mellorar os dispositivos conversores desenvolvidos previamente por enxeñeiros da Universidade de Oviedo.

Os ensaios e as diversas probas programadas durante o mes de marzo na canle de ondas e correntes do Laboratorio de Hidráulica da EPS de Enxeñaría permitirán avanzar na modelización física de dispositivos conversores de enerxía hidrocinéticos xa dispoñibles, comentou Carballo, ao tempo que engadiu que esta fase inicial de estudo terá continuidade de seguido coa implementación dos resultados acadados na posterior fase de modelado numérico.

O obxectivo desta liña de investigación na que traballa o grupo Cigeo da EPS de Enxeñaría da USC pasa polo deseño e a optimización de conversores de enerxía hidrocinéticos acaídos para a súa implantación en calquera localización da costa atlántica europea con elevada velocidade do fluxo, sinalou Carballo, ao tempo que precisou que este tipo de dispositivos son acaídos para o aproveitamento de correntes en canles fluviais e, sobre todo en estuarios.

Respecto da cantidade de enerxía que se podería obter das correntes, o investigador da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC sinalou que o rendemento destes dispositivos depende tanto do tamaño da superficie na que se instalen como da velocidade das correntes, que son maiores en Irlanda que en Galicia, comentou Rodrigo Carballo.

 

Rodrigo Carballo, na canle de ondas e correntes da EPS de Enxeñaría de Lugo
Rodrigo Carballo, na canle de ondas e correntes da EPS de Enxeñaría de Lugo
The contents of this page were updated on 03.03.2020.