Axenda feminista do 8M
Denunciar a necesidade de seguir avanzando para acadar a igualdade real entre homes e mulleres é a premisa sobre a que se asenta a axenda de actos que nutre este mes de marzo na USC. As numerosas accións conmemorativas do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, xirarán en torno a un acto nuclear que se desenvolverá o vindeiro luns 9 na Facultade de Filosofía, a partir das 13.30 horas, e que servirá para recoñecer o labor desenvolvido pola Comisión de Xénero deste centro a prol da igualdade. O acto estará presidido polo reitor Antonio López.
A Escola Técnica Superior de Enxeñaría acolleu este martes a primeira das iniciativas en materia de xénero cun acto en homenaxe a Ángela Ruiz Robles, mestra cunha longa traxectoria na que destaca ser considerada a precursora do libro electrónico. A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo celebra asemade este martes unha nova sesión dos seus ‘Encontros de Lúa Chea’, nesta ocasión, centrados na revolución silenciosa do éxodo rural feminino. A partir das 19.00 horas, na cafetería do centro, a investigadora Rocío Toxo Asorey e Consuelo López Rodríguez, de Gandería Quintián, tratan a problemática derivada da marcha das mulleres das aldeas cara as vilas e cidades nunha sesión aberta promovida polo colectivo Proxéctate en Galego.
Este mércores 4, o seminario ‘Como pode a análise económica contribuír á igualdade de xénero?’ desenvolverase a partir das 9.30 horas no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Pola súa parte, a Comisión de Igualdade da EPS de Enxeñaría en Lugo, entregará dende as 12.00 horas, os premios correspondentes á IV edición do Concurso de Traballos Fin de Grao sobre Enxeñaría e Muller Rural. A Facultade de Ciencias Políticas e Sociais acollerá todos os mércores de marzo, ás 19.30 horas, o ciclo de conferencias ‘O mundo desde aquí’; e a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, pola súa banda, será o escenario do coloquio ‘A contribución á vida política e á xestión pública das ex alumnas da Facultade’ o mércores 4 de marzo ás 12.15 horas.
Ademais do acto central en Filosofía, o luns 9 de marzo, a Facultade de Ciencias do campus de Lugo acollerá, a partir das 12.00 horas, a mesa redonda ‘Muller e traballo: visión das nosas políticas’. Outra mesa redonda, ‘Nosoutras, as mulleres de empresa’, desenvolverase na Facultade de Administración e Dirección de Empresas o mesmo luns 9 de marzo ás 12.00 horas. O martes 10 terá lugar o coloquio a partir do libro Papá, por que non pintas as unllas de cores? Educando (construíndo) masculinidades disidentes de Jorge García Marín. O acto organizado pola Comisión de Xénero da Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo comezará ás 11.30 horas no Salón de Actos do centro. A conferencia 'Fundamentos da comunidade: a xurisprudencia do Tribunal de Xustiza en materia de igualdade e non discriminación por razón de sexo' terá lugar tamén o martes 10 de marzo ás 13.00 horas na Sala de Xuntas da Facultade de Dereito.
A dedicación do Pavillón 3 da EPS de Enxeñaría, o 11 de marzo, á muller rural, contará coa participación como madriña de honra da actriz Benedicta Sánchez, galardoada co Goya á mellor actriz revelación no 2020 polo seu papel protagonista no filme O que arde de Óliver Laxe. O acto terá lugar a partir das 12.00 horas. Finalmente, o workshop ‘Plans de Igualdade en empresas’, terá lugar o 13 de marzo ás 10.00 horas na Aula 1 da Facultade de Relacións Laborais en Compostela.
Elisa e Marcela
Tamén co gallo do 8M, o Arquivo Histórico Universitario (AHUS) impulsa a conferencia 'Unha historia ao descuberto: o amor sen fronteiras de Elisa e Marcela'. O acto desenvolverase na sala de conferencias do AHUS o xoves 5 de marzo ás 17.00 horas e nel participará o catedrático de Teoría e Historia da Educación Narciso de Gabriel Fernández, autor do libro Elisa e Marcela. Amigas e amantes, que dará conta do exhaustivo traballo de investigación levado a cabo para sacar á luz a extraordinaria historia destas dúas mestras. Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga celebraron o 8 de xuño de 1901 o primeiro matrimonio entre persoas do mesmo sexo en España, adiantándose así, máis dun século, á súa legalización.
A directora do Arquivo Désirée Domínguez Pallas explicará o contexto histórico e documental dos dous expedientes disciplinarios abertos contra Marcela que se custodian no AHUS e que supuxeron o punto de partida para unha investigación que frutificou nun libro que se acabou levando ao cine o ano pasado da man da directora Isabel Coixet. "Nesa contextualización, realizarase unha aproximación á realidade social que lles tocou vivir ás protagonistas e na que a muller tiña unha posición de inferioridade que, ademais de afastala de oportunidades laborais e de desenvolvemento profesional fóra do eido doméstico, lle impedía ter acceso aos estudos superiores e na que só podían canalizar as súas inquedanzas intelectuais a través dos estudos nas Escolas Normais de Mestras, como a de Coruña, creada en 1860, onde elas se coñeceron e onde arranca a súa historia de amor e de desafío aos convencionalismos sociais", apunta Domínguez Pallas. Como remate do acto, reproducirase o tráiler da película ao tempo que estarán expostos ao público os documentos que conforman ese expediente disciplinario co obxectivo de dalo a coñecer como un exemplo das xoias documentais que atesoura o Arquivo da USC.
Mostras
Ademais da axenda de actos, a exposición ‘Mulleres científicas. Mulleres economistas ao longo da historia’ que leva aberta ao público dende o 11 de febreiro, estenderase ata o 31 de marzo na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Dende o 26 de febreiro, 27 extractos de textos de La mujer del Porvenir de Concepción Arenal están expostos na EPS de Enxeñaría. A mostra situada na entrada das aulas e seminarios pecharase o 31 de marzo. Finalmente, a iniciativa ‘Economistas do mes’ impulsada dende a Biblioteca da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, renderá homenaxe no mes de marzo a Elinor Ostrom, considerada unha das estudosas máis destacadas na área de recursos compartidos ou bens comúns.