Skip to main content

O Ránking QS destaca á USC en trece materias

O Ránking QS por materias analiza a reputación académica de cada eido. FOTO: Santi Alvite
O Ránking QS por materias analiza a reputación académica de cada eido. FOTO: Santi Alvite
Por áreas de coñecemento, a Universidade experimenta un ascenso en Artes e Humanidades
Lugo, Santiago de Compostela

O Ránking QS 2020 por materias mantén a USC entre as mellores universidades do mundo en Artes e Humanidades -onde se rexistra un ascenso de 50 posicións ata o posto 341-, Ciencias da Vida e Medicina, así como en Ciencias Naturais. A Universidade destaca asemade en trece materias das cinco grandes áreas de coñecemento. 

En Ciencias da Vida e Medicina, a USC mantén a súa posición no intervalo 401-450, mentres que na área de Ciencias Naturais continúa entre as 300 mellores institucións do mundo. Ademais da clasificación por áreas de coñecemento, o QS Ránking ofrece datos específicos por materia. Neste senso, a institución compostelá subiu postos en Economía e Econometría, pertence á área de Ciencias Sociais (intervalo 401-450); así como en Química, no eido de Ciencias Naturais, onde a Universidade se sitúa na posición 251-300.  

De acordo coa listaxe que acaba de publicar QS, a USC destaca tamén en Lingua Inglesa e Literatura, materia que ocupa o intervalo 201-250; en Lingüística, eido que se sitúa no posto 251-300; así como en Linguas Modernas, materia emprazada no intervalo 201-250. A boa posición destas materias contribúe ao ascenso rexistrado na área de Artes e Humanidades. 

No eido de Enxeñaría e Tecnoloxía, a USC destaca no relativo á Enxeñaría Química, materia que se mantén no intervalo 201-250. No que atinxe ás Ciencias da Vida e Medicina, a Universidade sobresae en Agricultura e Forestal, posición 151-200; Ciencias Biolóxicas, intervalo 351-400; Medicina, posición 351-400; e Farmacia e Farmacoloxía, materia que ocupa o intervalo 201-250. 

No tocante ás Ciencias Naturais, ademais de Química, tamén destacan Ciencias Medioambientais, no intervalo 301-350; Matemáticas, na posición 251-300; e Física e Astronomía, intervalo 251-300. 

O Ránking QS por materias analiza a reputación académica de cada eido, a súa empregabilidade; o número de citas por artigo, extraendo a información da base de datos de referencias bibliográficas e citas Scopus nun período de cinco anos; así como o índice H, en tanto xeito de medir a produtividade e impacto do traballo publicado por cada científico.
 

The contents of this page were updated on 03.04.2020.