Como inflúe o Camiño de Santiago na túa vida diaria?
O grupo de Investigación da USC Galabra impulsa o certame fotográfico ‘Como inflúe o Camiño de Santiago na túa vida diaria? A cidadanía (re)pensa o Camiño’, cuxo prazo de participación remata o vindeiro 2 de abril. O rexistro é gratuíto e, para realizalo, cada concursante deberá completar unha folla de rexistro e enviala xunto coas fotografías ao enderezo electrónico redegalabra [at] gmail.com (redegalabra[at]gmail[dot]com)
O concurso está aberto a todas as persoas que habiten no Concello de Santiago de Compostela, as cales poderán participar con calquera tema vinculado coa relación existente entre a cidade e as persoas que a visitan. Cada participante poderá presentar un máximo de tres imaxes, dixitalizadas e realizadas con calquera equipo, xa sexa profesional ou afeccionado, incluído o teléfono móbil.
A fotografía enviada debe ser orixinal, inédita e non presentada a outros concursos. Os tres premios outorgados constarán dun lote de libros relacionados coa imaxe de Santiago de Compostela. O xurado resérvase o dereito de asignar ata tres Mencións de Honra. As bases completas poden consultarse nesta ligazón.