Skip to main content

Suprimidas as prácticas en centros sanitarios de Galicia

A USC mantén activo un Comité de Seguimento para o caso desta crise internacional. FOTO: Santi Alvite
A USC mantén activo un Comité de Seguimento para o caso desta crise internacional. FOTO: Santi Alvite
A USC habilita novas canles de comunicación para responder ás cuestións da comunidade universitaria a respecto do COVID-19
Lugo, Santiago de Compostela

A administración autonómica acaba de suspender as prácticas programadas en calquera centro sanitario de Galicia por parte de alumnado procedente dos graos de Ciencias da Saúde. A USC está en contacto permanente coas autoridades con competencias sanitarias, particularmente coa Consellería de Sanidade, e coas outras universidades galegas co obxectivo de actuar de xeito coordinado ante calquera continxencia derivada do brote de enfermidade por coronavirus.

Neste senso, a USC vén de habilitar o enderezo electrónico info.coronavirus [at] usc.gal (info[dot]coronavirus[at]usc[dot]gal) para a recollida de cuestións específicas sobre actuación, no ámbito da Universidade, a respecto do COVID-19. Asemade, na páxina web institucional, acaba de publicarse un repositorio de información co obxectivo de manter informada á comunidade universitaria das medidas que se deban tomar, das recomendacións para seguir e de calquera outra información que sexa relevante para o día a día no seo da institución.

Comité de seguimento

A USC mantén activo un Comité de Seguimento para o caso desta crise internacional. Este grupo, que está presidido polo reitor, encárgase de xestionar unha liña de comunicación permanente coas autoridades con competencias en materia sanitaria para coordinarse con elas e, en cada momento, actuar do xeito máis eficaz e seguro posible. Ademais do reitor e outros membros do goberno da Universidade, forman parte do grupo responsables do Servizo de Vixilancia da Saúde; da Facultade de Medicina; do Departamento de Psiquiatría, Radioloxía, Saúde Pública, Enfermaría e Medicina, de quen depende a área de coñecemento de Medicina Preventiva e Saúde Pública; e do departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía.
 

The contents of this page were updated on 03.18.2020.