Skip to main content

Captación internacional e calidade, eidos estratéxicos do goberno da USC

De esquerda a dereita, Dulce García, María José López Couso, Antonio López e Jacobo Limeres. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Dulce García, María José López Couso, Antonio López e Jacobo Limeres. FOTO: Santi Alvite
López Couso e Limeres Posse asumen as vicerreitorías con competencias nestes ámbitos
Lugo, Santiago de Compostela

Os profesores María José López Couso e Jacobo Limeres Posse prometeron este xoves, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, os seus cargos como vicerreitora de Titulacións e Captación Internacional, así como de vicerreitor de Calidade. O acto estivo presidido polo reitor Antonio López quen explicou que esta reestruturación do equipo de goberno responde á necesidade de dar pulo aos dous anos que quedan de mandato e nos cales a Universidade deberá facer fronte a novos desafíos, entre os que destacou a futura negociación dun novo Plan de Financiamento. 

Antonio López subliñou que a creación da Vicerreitoría de Titulacións e Captación Internacional responde á necesidade de elaborar un plan que revise a oferta docente da Universidade, así como os seus resultados logo da introdución do Plan Bolonia, cuxa implantación “non se fixo a custo cero”, destacou. O reitor quixo explicar asemade a necesidade de sumar ao eido das titulacións, a captación de alumnado internacional. “A captación non consiste só na busca de estudantes, senón tamén na definición dunha oferta docente que sexa atractiva”, sinalou. Con respecto a Calidade, Antonio López explicou que a USC terá que afrontar nas vindeiras datas, diversos procesos de acreditación nos que será preciso “conectar a un número moi importante de persoas”. 

Os novos vicerreitores amosáronse ilusionados logo de prometer os seus respectivos cargos. López Couso destacou na súa intervención a necesidade de redobrar esforzos á hora de levar a cabo un “proceso de reflexión e análise” en torno á oferta docente da Universidade, centrándose nas demandas do mercado laboral e poñendo o foco na contorna máis inmediata pero tamén no eido internacional. Pola súa parte, Limeres Posse salientou a dimensión transversal da área de Calidade. Para o novo vicerreitor, a Universidade é “un foro de reflexión crítica” e, polo tanto, “somos os primeiros interesados en coñecer o que estamos facendo”. 

Competencias

A Vicerreitoría de Titulacións e Captación Internacional asume a coordinación da oferta de estudos oficiais, así como os procesos de elaboración, modificación, implantación, seguimento e acreditación destes títulos. Coordina igualmente a oferta de estudos propios e o IV Ciclo Universitario. Pola súa parte, a nova Vicerreitoría de Calidade nace para encargarse da elaboración e o seguimento dos plans estratéxicos da USC, do desenvolvemento dos programas de calidade e da coordinación e seguimento dos sistemas de garantía de calidade das facultades e escolas. É asemade a responsable da organización e a publicación de datos e estatísticas e da elaboración da Memoria de Responsabilidade Social Corporativa. 

María José López Couso

A profesora López Couso é licenciada en Filoloxía Xermánica (Inglés) e doutora en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago de Compostela, a cuxo Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá se incorporou en 1988. Dende 2015 está acreditada para o acceso ao corpo de Catedráticos de Universidade. Membro do grupo de investigación Variation, Linguistic Change and Grammaticalization, a súa actividade investigadora está enmarcada nas áreas da variación e o cambio lingüístico na lingua inglesa, en particular en procesos de gramaticalización, construcionalización, subxectivización e intersubxectivización. 

No ámbito da xestión universitaria, desempeñou os cargos de decana da Facultade de Filoloxía (2012-2020), da que tamén foi vicedecana (2008-2012) e Responsable Académica de Mobilidade (2002-2004), de presidenta do Colexio de Decanos/as e Directores/as de Centro da USC (2014-2019) e de vogal da Comisión Permanente da Asociación de la Conferencia de Decanatos de Centros Universitarios con Titulaciones en Artes y Humanidades (ADEAH). É tamén membro da Comisión de Coordinación do Campus da Cidadanía e da Comisión Editorial Académica do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC. Asemade, ocupou cargos de responsabilidade en varias asociacións internacionais no ámbito da lingüística, entre outras ICAME (International Computer Archive of Modern and Medieval English), a cuxo Comité Executivo pertenceu entre 2009 e 2017.

Jacobo Limeres Posse

Nado en Sanxenxo (Pontevedra) en 1975, o profesor Limeres Posse é licenciado e doutor en Odontoloxía pola USC, onde traballa como profesor contratado doutor do Departamento de Cirurxía e Especialidades Médico-cirúrxicas. Foi membro da comisión redactora do Grao en Odontoloxía. Desenvolveu os postos de secretario (2009-2013) e director (2013-2016) do Departamento de Estomatoloxía, e de vicedecano de Odontoloxía da Facultade de Medicina e Odontoloxía (2017-2020). Participou na acreditación dos graos de Odontoloxía (2016) e Medicina (2018), e foi responsable académico de mobilidade no de Odontoloxía (2013-2016). Dende 2011 é codirector do Máster Propio de Odontoloxía para Persoas con Necesidades Especiais e Odontopediatría e coordina o grupo de Investigación GI-2117 da USC. Tamén ocupou o posto de presidente da Sociedade Española de Odontoestomatoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais (SEOENE) entre 2013 e 2017. É membro do Comité de Educación da International Association for Disability and Oral Health (iADH) e avaliador externo do Doctorate in Special Care Dentistry do Trinity College (Dublín).
 

The contents of this page were updated on 03.16.2020.