Skip to main content

Minerva achega acceso a preto de 20.000 documentos en liña

Minerva reúne na actualidade preto de 20.000 recursos dixitalizados que contribúen a facer máis sinxela a docencia telemática que acaba de implantarse por mor da crise do coronavirus. FOTO: Santi Alvite
Minerva reúne na actualidade preto de 20.000 recursos dixitalizados que contribúen a facer máis sinxela a docencia telemática que acaba de implantarse por mor da crise do coronavirus. FOTO: Santi Alvite
Recursos sobre docencia e innovación educativa, I+D+i ou material do AHUS nutren este fondo dixital da USC que pode consultarse en aberto
Lugo, Santiago de Compostela

Minerva, o repositorio institucional da USC, proporciona acceso, dende 2014, a coleccións bibliográficas dixitalizadas e a gran parte da produción investigadora e docente da Universidade de xeito aberto e en liña. Na actualidade, este fondo online está estruturado nos apartados Arquivo Histórico Universitario con 363 documentos; Biblioteca, o cal consta de 3411 recursos;  Docencia e Innovación Educativa con 643; I+D+I, dotado de 12753 elementos; e Institucional con 2110. En total, Minerva reúne na actualidade preto de 20.000 recursos dixitalizados que contribúen a facer máis sinxela a docencia telemática que acaba de implantarse por mor da crise do coronavirus.

Minerva alberga toda clase de materiais dixitais dende artigos científicos, achegas a congresos, materiais docentes, revistas e monografías editadas pola USC, teses de doutoramento, traballos académicos, documentos institucionais, científicos e fondos históricos impresos ou manuscritos. Este sistema de autoarquivo pon o acento no usuario, xa que o persoal rexistrado pode subir ao repositorio a súa produción e darlle, deste xeito, máis visibilidade. Ademais, dende 2018, tamén permite o acceso a mapas dixitalizados.

O repositorio susténtase no acceso libre e gratuíto á literatura científica e académica como medio para mellorar o sistema de comunicación e o acceso ao coñecemento. Facilita, asemade, a difusión de resultados de investigación, incrementa o impacto e a visibilidade das publicacións e traballos científicos, garante a preservación e conservación a longo prazo da produción intelectual universitaria, incentiva o uso da produción científica propia e ofrece servizos de valor engadido a través do emprego de estándares internacionais.

Como buscar

Existen diferentes posibilidades de realizar buscas de documentos en Minerva, dende a simple navegación por medio de listaxes alfabéticas á composición de buscas complexas empregando filtros e ferramentas de descubrimento que axudan a refinar os resultados dunha busca inicial. Nesta ligazón pode accederse a un titorial no que se explican os distintos procedementos de busca para navegar de xeito axeitado por este repositorio institucional.

 

The contents of this page were updated on 03.23.2020.