A primavera 2020, unha das máis madrugadoras do século
A primavera, unha das máis madrugadoras do século XXI por mor de tratarse 2020 dun ano bisesto, entrou ás 4.49 horas deste venres 20 de marzo no hemisferio boreal, mentres que o hemisferio austral comezou o outono. Os primeiros días da nova estación, nos que se poderá ollar o planeta Mercurio a simple vista, están caracterizados pola duración semellante entre o día e a noite, que irá minguando progresivamente ata situarse arredor das nove horas que durará o 20 de xuño, data na que comeza a estación estival, segundo indica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo.
A primavera boreal, con 92,75 días, é a segunda estación do ano en duración, logo do verán (93,66 días), precisa Docobo, quen lembra que aínda que o Concilio de Nicea (ano 325 dC.) fixou o comezo desta estación o día 21 de marzo, a realidade é que certos fenómenos astronómicos, tales como a Precesión nos equinoccios, varían a hora e mesmo o día do seu comezo. O director do Observatorio Astronómico da USC avanzou nese senso que, ao longo do presente século XXI, o inicio da primavera abrangue un abano temporal máis ou menos amplo como é o que vai desde as 2.00 horas do 21 de marzo de 2003 ata as 14.03 horas do 19 de marzo de 2096.
A entrada da nova estación ofrece dúas boas oportunidades de contemplar a Mercurio a simple vista, unha na mañanciña do 24 de marzo e outra, logo do solpor cara ao 4 de xuño. En relación coa observación a simple vista dos planetas, cómpre destacar tamén a presenza de Venus no Oeste nas primeiras horas da noite, e de Xúpiter, cara o Leste, na segunda parte da mesma.
O período primaveral que agora comeza trae consigo, engadiu Docobo, dúas choivas de estrelas, as Líridas, con máximo na noite do 22 ao 23 de abril, e máis as Eta-Acuáridas, con máximo nos amenceres dos días 5, 6, e 7 de maio. O 5 de xuño terá lugar unha eclipse penumbral de Sol, pero este tipo de eclipses pasan desapercibidos ao público toda vez que a Lúa segue a verse enteira, aínda que menos iluminada polo Sol. Pola contra as Lúas de cheas de abril e maio van coincidir coa mínima distancia Terra- Lúa (perixeo), polo que darán lugar as chamadas superlúas.
Inverno en Compostela
O inverno chegou ao seu remate na comarca compostelá cun nivel de precipitacións inferior á media. De feito, a estación máis fría do ano deixou na área de Compostela unha precipitación de 528,5 litros/m2, distribuída ao longo de 35 xornadas. A cantidade media de precipitacións dos invernos na cidade de Santiago e na súa contorna sitúase en 600 litros por metro cadrado.