Skip to main content

Actividade física, a receita para un confinamento activo

O Servizo de Deportes recolle nunha guía recomendacións para realizar na casa. Foto: Santi Alvite
O Servizo de Deportes recolle nunha guía recomendacións para realizar na casa. Foto: Santi Alvite
O Servizo de Deportes da USC recolle nunha guía recomendacións que permiten gozar dos múltiples beneficios saudables que reporta a actividade física sen saír do fogar
Lugo, Santiago de Compostela

A actividade física reporta múltiples beneficios para quen a practica, dado que mellora da condición física, favorece o metabolismo, diminúe o risco de cardiopatías e outras doenzas, ao tempo que mitiga a ansiedade e mellora o estado de ánimo. A actual situación de confinamento por mor do Covid-19 non implica ter que renunciar a estas vantaxes, segundo se recolle na guía ‘Recomendacións de actividade física e vida activa no fogar’, elaborada desde o Servizo de Deportes da USC.

A conversión das actividades propias do fogar nunha rutina para manter unha vida activa é un dos consellos recollidos na guía de recomendacións do Servizo de Deportes da USC, un documento no que tamén se apunta a conveniencia de combater o sendentarismo con exercicios de estiramento e movementos do corpo cada dúas horas, a fin de facer da xornada un adestramento continuo.

As pautas xerais en canto á actividade física que se pode desenvolver nun fogar abranguen desde accións moi diversas que van desde aumentar o esforzo habitual á hora de facer labores cotiás, a fin de compensar falta de exercicio físico en ximnasio ou ao aire libre, ata o coidado da mobilidade articular ou a repetición de movementos sinxelos, como pode ser o feito de agacharse.

As escaleiras constitúen a alternativa correcta fronte ao ascensor á hora de baixar tirar o lixo ou nas saídas á rúa para ir á compra ou á farmacia, sinala o Servizo de Deportes da USC nesta guía, na que tamén convida a aproveitar o propio peso corporal e os diversos utensilios que pode haber na casa para facer exercicios de forza ou para traballar bíceps, ombreiros... Os xogos, así como outras actividades de música ou baile, tamén poden servir de axuda á hora de seguir un ritmo de vida activa dentro do fogar, segundo se indica nesta guía.

The contents of this page were updated on 03.25.2020.