A USC conecta en liña co ensino medio
A USC achégase ao alumnado preuniversitario cos Encontros Virtuais na Zona USC, unha iniciativa que se desenvolve desde este luns ata o mércores 8 de abril na web https://www.usc.gal/gl/encontros-virtuais, na que se dá conta da oferta de títulos de grao que se impartirán no curso 2020-21 nos centros dos campus de Lugo e de Santiago. Este encontro virtual permite tamén amosar outra información de interese relativa a instalacións, equipamentos científicos e tecnolóxicos e demais servizos que a USC pon a disposición da comunidade universitaria en particular e do conxunto da sociedade, nun senso máis amplo.
Os estudantes interesados poden acceder libremente á bitácora virtual da Zona USC, concibida como unha canle de conexión na que as persoas usuarias atoparán, ademais da información dos títulos académicos, diverso material audiovisual complementario, a través do que poderán afondar de xeito didáctico no coñecemento do título ou títulos que resulten do seu interese, ademais de coñecer as posibilidades de I+D+i que abrangue cada itinerario ou opción formativa.
Un breve vídeo a cargo do reitor Antonio López sirve de saúdo de benvida á comunidade de participantes desta primeira edición dos encontros virtuais da USC, unha iniciativa a través da que a institución académica sortea as limitacións de mobilidade derivadas do estado de alarma decretado por mor do coronavirus e dá continuidade ás actividades de información ao estudantado universitario que desenvolve a través do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’, que coordina Celso Rodríguez.
Interactividade
Unha vez dentro deste espazo virtual, cada usuario terá ao seu alcance a oportunidade de participar en obradoiros, videoconferencias específicas para cada título, chats, concursos, foros con estudantes universitarios e retos científicos deseñados para orientar a súa aterraxe universitaria. O estudantado preuniversitario poderá facer uso destas prestacións a demanda, en función das quendas horarias establecidas polos docentes de cada titulación que teñen encomendada a tarefa de interactuar e dar resposta ás cuestións e consultas formuladas polos usuarios interesados .
A grella de títulos de grao ofertados pola USC para o próximo curso académico segue unha organización temática arredor das grandes áreas de coñecemento: Enxeñaría e Arquitectura, Ciencias, Arte e Humanidades, Ciencias da Saúde e Ciencias Sociais e Xurídicas.
Obradoiros no Campus de Lugo
A oferta de obradoiros relacionados coas titulacións do Campus de Lugo incluídos na Zona USC é ampla, segundo comentou a coordinadora do programa A Ponte na sede universitaria luguesa, Mercedes Novo. Esta docente sinalou neste senso que o alumnado interesado na enxeñaría civil poderá participar no taller ‘Constrúe e racha a túa ponte’ un proposta elaborada polo profesor Carlos Núñez, que convida construír unha ponte con materiais que hai na casa para logo calcular a súa resistencia.
Un obradoiro de modelado 3D, a proposta do profesor Juan Ortiz, outro de extracción do ADN dun chícharo, desenvolvida por alumnas de doutoramento, así como un twits sobre os servizos de voluntariado, normalización lingüística, actividades de cultura e deportes que ofrece a USC no Campus de Lugo e elaborado a partir das achegas feitas polo propio persoal, constitúen algunhas das singularidades que achegan os centros da sede universitaria luguesa aos espazos virtuais na Zona USC.
Este foro virtual, cuxos usuarios poderá acceder a múltiples contidos audiovisuais sobre o Campus Terra da USC, así como sobre as actividades xa promovidas polo grupo XuvenCiencia da USC nos seus campus científicos, segundo relatou a propia Mercedes Novo, servirá tamén para dar difusión ao concurso ‘Cambio climático e nós’, promovido desde a Facultade de Ciencias, cuxo alumnado do grao de Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais tamén está a ultimar o deseño da actividade didáctica ‘Pasa elemento’.