Skip to main content

Os encontros virtuais na Zona USC superaron as 20.000 visitas

Un participante nos encontros virtuais na Zona USC. Foto: Santi Alvite
Un participante nos encontros virtuais na Zona USC. Foto: Santi Alvite
Os obradoiros, videoconferencias, chats, concursos e retos científicos programados para achegar a oferta académica da USC ao alumnado de ensino medio rematan este mércores cun destacado volume de visitas de alumnado preuniversitario
Lugo, Santiago de Compostela

Os encontros virtuais na Zona USC achegáronse ás 20.000 visitas durante as dúas primeiras xornadas dunha iniciativa pioneira posta en marcha pola institución académica para achegar ao alumnado de ensino medio a oferta de estudos e servizos á que poderán acceder o próximo curso académico 2020-2021 nos campus de Lugo e de Santiago. “As estatísticas de participación e visitas ao espazo web habilitado corroboran o éxito dos encontros virtuais da USC”, salienta o coordinador do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC, Celso Rodríguez, que cifrou en 18.332 o número de visitas recibidas os días 6 e 7 de abril ao espazo web habilitado pola USC para sortear a actual situación de confinamento provocada polo Covid-19.

O número de visitas ás ligazóns específicas dos centros emprazados en Santiago sitúase arredor das 12.500 nestas dúas xornadas, unha cifra á que se suma as máis de 3.000 no caso do Campus de Lugo. A estas estatísticas cómpre engadir máis de 2.700 accesos a outros servizos xerais da USC, tales como Cultura, Deportes, Participación e Integración Universitaria, Servizo de Residencias, Orientación Laboral, Normalización Lingüística...

Alén de coñecer a grella de títulos e grao impartidos pola USC nas distintas facultades e escolas universitarias, a bitácora virtual  https://www.usc.gal/gl/encontros-virtuais,  actúa como escaparate no que as persoas usuarias poden acceder e coñecer de primeira man outra información universitaria de interese relativa a instalacións, equipamentos científicos e tecnolóxicos e demais servizos que a USC pon a disposición da comunidade universitaria e do conxunto da sociedade.

A alta participación rexistrada nestes encontros proba que “a USC esperta un gran interese na sociedade na que se asenta”, afirma Celso Rodríguez, quen confía en que este primeiro achegamento virtual ao estudantado preuniversitario cuxa programación propiamente dita remata este mércores, rebase con creces as 20.000 visitas. Todos os indicadores que manexamos son positivos, o que xustifica o esforzo realizado pola comunidade universitaria para a elaboración e posta a disposición de material audiovisual complementario, a través do que as persoas usuarias poden afondar de xeito didáctico no coñecemento do título ou títulos que resulten do seu interese, ademais de coñecer as posibilidades de I+D+i que abrangue cada itinerario ou opción formativa.

Interactividade

O coordinador do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC tamén fixo fincapé nas múltiples posibilidades de interactividade que ofrece esta nova forma ideada pola USC para achegarse ao alumnado de ensino medio. De feito, unha vez dentro da web dos encontros virtuais na Zona USC, as persoas usuarias tiveron a oportunidade de participar en obradoiros, videoconferencias específicas para cada título, chats, concursos, foros con estudantes universitarios e retos científicos deseñados para orientar a súa aterraxe universitaria. O estudantado preuniversitario puido facer uso destas prestacións a demanda, en función das quendas horarias establecidas polos docentes de cada titulación que teñen encomendada a tarefa de interactuar e dar resposta ás cuestións e consultas formuladas polos usuarios interesados .

A grella de títulos de grao ofertados pola USC para o próximo curso académico segue unha organización temática arredor das grandes áreas de coñecemento: Enxeñaría e Arquitectura, Ciencias, Arte e Humanidades, Ciencias da Saúde e Ciencias Sociais e Xurídicas.

Obradoiros no Campus de Lugo

O nivel de actividade rexistrado nas accións divulgativas relacionadas coas titulacións do Campus de Lugo incluídos na Zona USC tamén está a resultar elevado, segundo comenta a coordinadora do programa A Ponte na sede universitaria luguesa, Mercedes Novo, quen sinalou a Facultade de Ciencias, en parte polo atractivo do futuro grao en Bioqímica, e a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría como os dous centros lugueses que están a recibir un maior número de visitas.

Respecto dos retos científicos ligados á oferta de estudos da sede universitaria luguesa, Novo lembrou que o alumnado interesado na enxeñaría civil tivo ocasión de participar no taller ‘Constrúe e racha a túa ponte’ un proposta elaborada polo profesor Carlos Núñez, que convida construír unha ponte con materiais que hai na casa para logo calcular a súa resistencia.

Un obradoiro de modelado 3D, a proposta do profesor Juan Ortiz, outro de extracción do ADN dun chícharo, desenvolvida por alumnas de doutoramento, así como un twits sobre os servizos de voluntariado, normalización lingüística, actividades de cultura e deportes que ofrece a USC no Campus de Lugo e elaborado a partir das achegas feitas polo propio persoal, constitúen algunhas das singularidades que achegan os centros da sede universitaria luguesa aos espazos virtuais na Zona USC. 

Este foro virtual serve tamén para dar difusión ao concurso ‘Cambio climático e nós’, promovido desde a Facultade de Ciencias, cuxo alumnado do grao de Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais tamén está a ultimar o deseño da actividade didáctica ‘Pasa elemento’.

The contents of this page were updated on 03.09.2023.