Skip to main content

A xestión da crise xerada polo coronavirus, a debate na USC

Imaxe representativa dun virus
Imaxe representativa dun virus
Antón Losada participa este xoves como relator no ciclo de videconferencias arredor da COVID-19 promovido pola USC a través do Campus da Cidadanía e que está a congregar en liña a centenares de persoas
Lugo, Santiago de Compostela

O ciclo de relatorios en liña promovido polo Campus da Cidadanía da USC para achegar á sociedade unha visión multidisciplinar ao respecto da Covid-19 e dos efectos que está a provocar esta pandemia, continúa este xoves, a partir das 18.00 horas, cunha nova sesión a cargo de Antón Losada, profesor de Ciencia Política e Socioloxía da USC, que ofrecerá a conferencia ‘Xestión de crises, COVID-19 e profetas do pasado’.

A intervención de Antón Losada poderá seguirse a través dun enlace aberto ao público en xeral na plataforma Microsoft Teams. O éxito de participantes rexistrado na conferencia ofrecida o pasado martes no marco deste ciclo polo catedrático de Medicina e Saúde Pública Juan Gestal, cuxa charla contou cuns 400 usuarios rexistrados, fixo que os promotores deste ciclo de videoconferencias arredor da COVID-19 optaran por abrir este foro de debate alén da comunidade universitaria, de xeito que a ligazón  de Microsoft Teams habilitada para tal efecto pode compartirse con calquera persoa interesada.

O esquema das videoconferencias programadas contempla, ao remate de cada intervención, o desenvolvemento dun foro de debate virtual no que as persoas rexistradas como público poderán formalizar as preguntas que estimen oportuno.
 

Calendario de relatorios

O calendario do ciclo de videoconferencias promovidas polo Campus da Cidadanía da USC para a achegar á sociedade unha visión interdisciplinar da COVID-19 terá continuidade ao longo das vindeiras semanas. Así, a tamén profesora da USC Rosa Crujeiras dará continuidade o martes 21 a este programa cunha charla que leva por título ‘A COVID-19 nunha ollada estatística: como buscamos pitonisos para quedarmos tranquilos’. Dous días despois,  Carlos Pereira Dopazo e a Mª Isabel Bandín Matos tratarán neste foro o potencial epidémico do virus COVID-19.

O profesor do Departamento de Dereito Público Especial e de Empresa César García Novoa ofrecerá o 28 de abril neste foro o relatorio titulado ‘Medidas fiscais fronte á crise do coronavirus’. Asemade, Alba Nogueira, profesora do Departamento de Dereito Público e Teoría do Estado da USC, impartirá o 5 de maio a videoconferencia titulada ‘Dereito público e COVID-19. A saúde dos dereitos’.

Alén das sesións xa programadas, este ciclo, que está aberto á participación de expertos en diversas áreas temáticas, pretende servir de foro de análise e debate sobre cuestións relacionadas cos eidos da educación, cultura, economía, sistema de saúde, relacións sociais, política ou bioseguridade, entre outros.
 

The contents of this page were updated on 04.15.2020.