Skip to main content

Confía-20, un test sobre os efectos do confinamento na familia e na infancia

Imaxe da campaña
Imaxe da campaña. Foto: Underisk
O grupo Underisk da Facultade de Psicoloxía da USC desenvolve en liña un cuestionario dirixido a familias con nenos e nenas de entre 4 e 11 anos para coñecer o impacto e os desafíos da situación excepcional provocada pola COVID-19
Lugo, Santiago de Compostela

A Unidade de investigación das condutas de risco e os trastornos do desenvolvemento (Underisk) da Facultade de Psicoloxía da USC promove a enquisa Confía-20 para coñecer os efectos sobre o confinamento na familia e na infancia, a fin de coñecer e contribuír así a resolver os problemas que está a deparar nas contornas familiares a situación excepcional derivada da crise sanitaria e social asociada á expansión da COVID-19.

A enquisa deseñada por Underisk, un grupo integrado por investigadores das áreas de Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxico e de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da USC,  nace co obxecto de poñer ao servizo da sociedade o coñecemento e os recursos científicos de que dispón esta unidade de investigación da USC. Esta iniciativa xorde asemade como método de análise das rápidas adaptacións e cambios obrigados, que afectan non só ás dinámicas sociais habituais, senón tamén aos espazos de relación persoal.

Desafíos

A proposta que vén de lanzar este grupo de investigación da USC antóllase pois como unha ferramenta apta para entender cales son os desafíos concretos cos que se encontran as familias e os nenos e nenas como consecuencia da crise provocada polo coronavirus. Esta enquisa permite asemade ter un coñecemento máis polo miúdo dos recursos de afrontamento familiares e individuais que están a despregar, e as consecuencias derivadas da situación.

A finalidade última da enquisa sobre os efectos do confinamento na familia e na infancia Confía-20, como sinalan os seus responsables é a de contribuír á comprensión dos efectos da crise actual, un reto social, global e compartido, que une e compromete a toda a sociedade. En opinión dos expertos, analizar a forma na que nenos/as e familias están a vivir esta situación de crise e confinamento, axudará a definir e entender mellor o seu impacto, ademais de servir de utilidade para a elaboración de pautas de actuación fundamentadas coas que intervir nesta ou en similares situacións que poidan darse no futuro.

A enquisa Confía-20 sobre efectos do confinamento na familia e na infancia é unha proposta aberta á participación de familias con nenos e nenas con idades comprendidas entre os 4 e os 11 anos que estean interesadas en achegar as súas experiencias e/ou impresións. Trátase pois dun cuestionario cunha duración estimada de 15 minutos, que pode cubrirse a través dunha plataforma en liña ou cuxo cuestionario tamén se pode recibir previa solicitude a través do enderezo de correo electrónico.

 

The contents of this page were updated on 04.17.2020.