Suíza alberga recursos xenéticos de castiñeiro únicos en Europa
Un equipo de investigación centrado no estudo dos castiñeiros en Suíza e conformado por científicos de varias rexións suízas, un grupo do INRA de Burdeos e investigadores do grupo AGRONOMÍAeC.ANIMAL da USC en Lugo, descubriu recentemente que o país helvético alberga nos seus bosques valiosos e singulares recursos xenéticos de castiñeiro europeo.
Por razóns ambientais e históricas, a meirande parte dos bosques de castiñeiros de Suíza atópanse nos Alpes, ocupando preto de 240 km2, mentres que o cultivo do castiñeiro retrocedeu fortemente no país tras a Pequena Glaciación. Porén, Suíza aínda conserva valiosos recursos do castiñeiro europeo (Castanea sativa Mill.), tal e como proba un estudo xenético recentemente publicado na revista científica internacional Biodiversity and Conservation. O traballo foi realizado por científicos do Instituto Federal Suizo de Investigación de Bosques, Neve e Paisaxe, EcoControl, Escola Superior da Paisaxe, da Enxeñaría e da Arquitectura HEPIA, In Situ Vivo, Instituto Federal Suizo de Tecnoloxía (ETH) e MOGLI solutions, xunto con investigadores do Campus de Lugo da USC e INRA de Burdeos.
O estudo xenético partiu dun amplo inventario no ámbito do Plan Nacional de Acción para a Conservación e a Utilización Sostible dos Recursos Xenéticos Vexetais para a Alimentación e a Agricultura da Confederación Suíza (PAN-RPGAA). En total identificáronse 14.165 castiñeiros en toda Suíza. O obxectivo inicial da investigación era avaliar a diversidade e estrutura xenética das especies deste país con fins de conservación, o cal permitiu identificar 675 xenotipos diferentes cun 29,8% de repetitividade debido á clonalidade.
Ao levar a cabo a súa análise estrutural, os científicos distinguiron dous grupos principais: un relacionado co grupo xenético do sur de Europa e outro independente e xeneticamente diferente do resto de grupos europeos de castiñeiros. Polo tanto, este achado supón un novo grupo xenético de castiñeiro exclusivo de Suíza. Finalmente, os investigadores definiron unha colección central de 46 xenotipos de castiñeiros únicos que deberían ser unha prioridade para o programa de conservación suízo.