Skip to main content

A EPS de Enxeñaría súmase ao Día da Terra cun foro virtual sobre medio ambiente e alimentos

Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC
Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC
Felipe García-Oliva, da UNAM de Mexico, e Agustín Merino, da USC, intervirán como relatores nunha sesión moderada pola vicerreitora Montserrat Valcárcel e que se desenvolverá este mércores a partir das 18.00 horas
Lugo, Santiago de Compostela

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC súmase este mércores 22 de abril aos actos conmemorativos do Día da Terra, unha efeméride nada hai xa 50 anos co obxecto de crear unha conciencia común diante dos problemas de poboación, contaminación e conservación da biodiversidade, ademais doutras preocupacións ambientais para protexer a Terra,  coa celebración dun seminario virtual sobre cambio climático e alimentos.

O foro promovido pola EPS de Enxeñaría co gallo desta efeméride no marco do programa de doutoramento internacional en Ciencias Agrícolas e Medioambientais, leva por título ‘Traballando xuntos polo medio ambiente e os alimentos na actual situación de crise humanitaria’. Os profesores Felipe García-Oliva, da Universidade Nacional Autónoma de México, e Agustín Merino García, da USC, son os relatores convidados a tomar parte neste foro, que se desenvolverá a partir das 18.00 horas e poderá seguirse a través de streaming a través da canle de Youtube do Campus Terra na ligazón http://youtu.be/b-fpRvmuT3Y.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, e o vicerreitor da Universidade Nacional Autónoma de México  Ken Oyama, abrirán esta sesión académica cunha breve sesión inaugural e de benvida ao público participante a través das redes, trala que darán paso aos relatores convidados.

A primeira intervención prevista correrá a cargo do profesor García-Oliva, que ofrecerá o relatorio ‘Cambio climático, degradación  ambiental e soberanía alimentaria’. De seguido, o coordinador do programa de doutoramento internacional en Ciencias Agrícolas e Medio Ambiente da USC, Agustín Merino García, guiará unha sesión baixo o título ‘Innovación educativa para a restauración de espazos degradados para a biodiversidade e os alimentos.

 

Programa da sesión divulgativa organizada polo Día da Terra
Programa da sesión divulgativa organizada polo Día da Terra
The contents of this page were updated on 04.21.2020.