A USC achega en liña ferramentas básicas para a busca de emprego
A USC achega en liña ferramentas básicas para a busca de emprego a través dun seminario virtual promovido desde a Área de Orientación Laboral e Emprego da USC no Campus de Lugo, cuxas sesións formativas comenzarán a desenvolverse a partir da próxima semana e terán continuidade no tempo mentres exista demanda por parte de persoas interesadas en mellorar e ampliar o coñecemento de técnicas e habilidades para acceder ao mercado laboral.
A posta en marcha desta iniciativa formativa en liña xurde ante a imposibilidade de manter durante o actual estado de alarma sanitaria as sesións presenciais orientadas a facilitar o acceso ao mercado laboral de estudantes e titulados universitarios do campus de Lugo, segundo indican desde a Área da Orientación Laboral e Emprego da USC, que tamén subliña o éxito dunha proposta que xa recibiu máis de 40 solicitudes e inscrición.
A técnico deste servizo universitario no Campus de Lugo, Gloria Cruz Amil, comentou que o seminario virtual sobre a elaboración de ferramentas básicas para a busca de emprego permitirá ás persoas que o completen adquirir coñecementos e competencias para a elaboración do seu currículo e mesmo tamén do chamado currículo europeo ou Europass. A redacción e os contidos que debe incluír unha carta de presentación e a creación dun perfil propio na rede social LinkedIn completan o programa desta acción formativa en liña.
A metodoloxía do seminario sobre ferramentas básicas de busca de emprego e prácticas laborais é sinxela, segundo indicou Cruz Amil, quen avanzou que os participantes, distribuídos en grupos de entre 10 e 15 persoas, participarán nunha sesión inicial na que se explicará o cometido e a utilidade destas ferramentas de inserción laboral, trala que logo se achegará material ao alumnado para que completen e desenvolvan de xeito individual estas ferramentas. A supervisión e corrección destas tarefas e a posibilidade de participar en sesións e titorías individuais coa técnico da Área de Orientación Laboral e Emprego da USC no Campus de Lugo é outra das posibilidades que ofrece este módulo virtual.
As persoas interesadas en participar neste programa poden solicitar a súa inscrición de balde a través dos enderezos de correo electrónico emprego.lugo [at] usc.es (emprego[dot]lugo[at]usc[dot]es) ou gloria.cruz [at] usc.es (gloria[dot]cruz[at]usc[dot]es). As primeiras sesións deste módulo de inserción laboral desenvolveranse os días 27, 28 e 29 de abril, pero estas accións formativas virtuais terán continuidade no tempo de existir demanda.
Administración e Dirección de Empresas
A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo celebrará este luns 27 de abril unha xornada monográfica sobre inserción laboral que será impartida pola técnico da Área de Orientación Laboral e Emprego da USC, Gloria Cruz Amil. Esta sesión desenvolverase en liña a través da plataforma virtual Microsoft Teams, accesible para os membros da comunidade universitaria. Asemade, esta mesma relatora guiará o 5 de maio outra sesión sobre acceso ao mercado laboral dirixida a mellorar a inserción profesional das persoas que están a participar no proxecto Edison, promovido pola Aula TIC-Pemes da USC en colaboración con Cogami e diversas empresas.