Skip to main content

O impacto psicolóxico do confinamento no alumnado, a estudo en ConVIDa-20

Cartaz da enquisa en liña ConVIDa-20
Cartaz da enquisa en liña ConVIDa-20
A enquisa en liña promovida polos grupos de investigación Procesos Cognitivos e Conduta e Underisk da Facultade de Psicoloxía da USC axudará a comprender os desafíos psicolóxicos e sociais aos que se enfronta este colectivo da poboación
Lugo, Santiago de Compostela

Os  grupos de investigación Procesos Cognitivos e Conduta e Underisk da Facultade de Psicoloxía da USC botan a andar o proxecto ConVIDa-20, un estudo en liña sobre os efectos psicolóxicos e sociais que está a provocar a COVID-19 en estudantes de universidade. O obxectivo desta nova liña de traballo pasa por recrutar unha gran mostra de participantes para axudar a comprender os efectos do coronavirus e as medidas de distanciamento social na súa saúde e benestar.

O brote de coronavirus está a causar desafíos excepcionais a escala mundial tanto para a saúde humana como para o funcionamento da sociedade. No seo das universidades, coas aulas confinadas en ordenadores, tabletas e dispositivos móbiles, abriuse un escenario complexo para o normal desenvolvemento da vida académica. En particular, a poboación universitaria enfróntase a cambios vertixinosos e adaptacións continuas cuxo impacto psicolóxico é, actualmente, descoñecido.

Ante esta situación excepcional, un equipo da Facultade de Psicoloxía da USC formado por membros dos grupos de investigación Procesos Cognitivos e Conduta e Underisk colabora na posta en marcha dun estudo en liña coa finalidade de explorar os efectos que o confinamento e as medidas de distanciamento social teñen na saúde mental e no benestar da poboación de estudantes de universidade.

Esta investigación, subliñan os seus promotores, axudará a comprender os desafíos psicolóxicos e sociais aos que se enfronta o alumnado universitario durante o confinamento, ademais de posibles experiencias positivas e aprendizaxes inesperadas pero, sobre todo, os factores que poden protexer contra os efectos negativos na saúde mental.

Participación

O estudo ConVIDa-20 está aberto a todas as persoas que cursen estudos universitarios de calquera nivel ou titulación principalmente no Sistema Universitario de Galicia. A participación implica responder, ben en galego  ben en castelán, unha enquisa en liña duns 20-25 minutos de duración que, de forma anónima, aborda aspectos relacionados co benestar físico e psicolóxico, así como coas condicións de vida persoais e académicas durante o confinamento. A información proporcionada é completamente confidencial e será tratada para fins exclusivos de investigación.

The contents of this page were updated on 05.06.2020.