Skip to main content

A USC prepara vectores peptídicos para o transporte de ARN mensaxeiro de potencial aplicación en vacinas

Javier Montenegro
Javier Montenegro
O Instituto de Salud Carlos III financia con máis de 126.000 euros ao grupo de investigación de Javier Montenegro no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade
Santiago de Compostela

A USC recibirá 126.000 euros por parte do Instituto de Salud Carlos III no marco do seu traballo sobre a preparación e uso de vectores peptídicos para a entrega celular de ARN mensaxeiro, o cal pode aplicarse para o desenvolvemento de vacinas contra a COVID-19. O grupo de investigación de Javier Montenegro no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) desenvolverá durante seis meses unha plataforma para cribar posibles vectores non virais que poidan ser utilizados como transportes de ARNs que codifican proteínas do virus.

"Recibir este finaciamento por parte do Instituto de Salud Carlos III supón un gran golpe de confianza para nós", explicaba este martes Javier Montenegro. "Levamos máis de cinco anos optimizando os vectores in vitro e recentemente realizamos probas en animais con resultados prometedores", afirma.

As vacinas baseadas en ARN mensaxeiro atópanse na base dalgúns dos ensaios clínicos que se están a levar a cabo na carreira por atopar unha vacina contra a COVID-19. Porén, un dos maiores retos neste eido é a extrema sensibilidade e o dificil transporte do material xenético (ARN) que provoque a resposta inmune, entorpecendo o seu potencial. Para paliar esta limitación, o grupo de investigación de Javier Montenegro traballa no desenvolvemento dunha plataforma sintética para o cribado rápido de vehículos para o ARN baseados en péptidos.

A execución desta metodoloxía permitiu a identificación dun candidato cunha notable mellora na eficiencia da entrega en comparación cos reactivos comerciais típicos. Este candidato tamén se demostrou recentemente moi activo para a entrega in vivo de ARNm en ratos, o que suxire que pode ser un excelente vector non viral para a sua a oplicación na formulación de vacinas de ARNm.

Resposta rápida

"Os vectores non virais terán un gran impacto nas terapias baseadas en ácido nucleico, xa que son facilmente escalables e presentan certas vantaxes sobre o tamaño da carga e as reaccións adversas", explica Javier Montenegro. "As vacinas de ARNm teñen un gran potencial debido á súa flexibilidade, seguridade e desenvolvemento rápido, o que as fai ideais para situacións que requiren una respuesta rápida, como é o caso de enfermidades infecciosas emerxentes", continúa. Mellorar a entrega de ARNm a través dun portador axeitado podería aumentar a eficiencia das vacinas e reducir a dose requirida.

CiQUS. FOTO: Santi Alvite
CiQUS. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 06.22.2023.