Skip to main content

O III Premio Rafael Crecente de investigación 'aposta' pola madeira

Imaxe dunha paisaxe agroforestal de Galicia
Imaxe dunha paisaxe agroforestal de Galicia
A valorización e o mellor aproveitamento dos recursos forestais acapara a maioría das das iniciativas innovadoras de xestión territorial presentadas ao certame convocado polo Ibader da USC, un galardón dotado con 3.000 euros en premios que triplica nesta edición o número de candidaturas recibidas e cuxo fallo se dará a coñecer en xuño

A valorización da madeira e o mellor aproveitamento dos recursos forestais dispoñibles centran boa parte das iniciativas innovadoras para a mellora da xestión territorial en Galicia presentadas á terceira edición do Premio Rafael Crecente, un galardón convocado polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) do Campus de Lugo da USC en memoria do profesor Rafael Crecente Maseda e dotado con 2.000 e 1.000 euros en premios, respectivamente, para as dúas propostas máis valoradas polo xurado, que dará a coñecer o seu fallo en xuño.

A terceira edición da convocatoria deste galardón, a través do que o Ibader da USC pretende estimular e incentivar entre as persoas que veñen de completar unha titulación universitaria a formulación e aplicación práctica de ideas relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial en sentido amplo en Galicia, apunta o monte como pedra angular sobre a que avanzar na xestión do territorio, segundo indica o profesor e coordinador do LaboraTE da USC.

David Miranda comentou neste senso que a metade das candidaturas recibidas nesta convocatoria do Premio Rafael Crecente, unha edición na que case se triplicaron as propostas rexistradas en anos anteriores, achegan ideas, proxectos empresariais e de I+D+i ou solucións para incrementar o valor da madeira a través da súa aplicación en ámbitos ata o momento reservados para outros materiais, ao tempo que propoñen alternativas e actividades complementarias orientadas tanto á mellora dos aproveitamentos forestais como ao incremento da súa valorización socieconómica.

As posibilidades que depara a hortofloricultura e as infraestruturas verdes para a recuperación de espazos rurais, o uso de novas tecnoloxías e nomeadamente de vehículos aéreos non tripulados en viñedos, a promoción de iniciativas culturais sobre o territorio, así como a posta en valor da paisaxe da agua que conforman os tradicionais sistemas de rega, constitúen algunha das outras candidaturas presentadas ao III Premio Rafael Crecente.

A diversidade dos perfís académicos das persoas que tomaron parte nesta convocatoria denota tamén a capacidade de acción de todas as disciplinas, desde as enxeñarías agronómicas e forestais, bioloxía, ciencias ambientais, arquitectura, antropoloxía, historia e mesmo das expresións culturais e artísticas, no que atinxe á conservación e á mellora doa xestión territorial e da conservación do medio natural, sinala David Mirana. Este investigador do Ibader tamén subliñou que as candidaturas presentadas ao III Premio Rafael Crecente corresponden a titulados e tituladas nas tres institucións académicas do Sistema Universitario Galego, pero tamén noutras universidades españolas.

O fallo do III Premio Rafael Crecente a ideas innovadoras en xestión territorial en Galicia farase público ao longo do mes de xuño, segundo indicou o propio David Miranda, ao tempo que adiantou que o Consello Científico do Ibader informará xunto co seu veredicto do lugar e da data na que se celebrará a cerimonia de entrega dos premios.

The contents of this page were updated on 05.07.2020.