Sentinelas da auga dos encoros
A spin off do Campus de Lugo da USC 3edata Enxeñaría Ambiental vén de desenvolver xunto con investigadores da USC, UDC e UNED unha ferramenta que emprega sensores multiespectrais para a vixilancia da calidade das augas en encoros e masas de auga interiores con drons e satélites. Esta ferramenta de alta resolución da que dá conta no seu último número a revista científica de impacto internacional ‘Remote Sensing’, constitúe un traballo pioneiro no territorio nacional pola combinación de sensores empregada.
A innovadora solución tecnolóxica de marcado selo galego permitirá dar resposta a algúns dos problemas máis comúns nas masas de auga continental que comprometen a calidade dos recursos hídricos e que está relacionados coa excesiva presenza de nutrientes na auga que desencadean a súa eutrofización. Este proceso implica a aparición sistemática de blooms ou floración de algas, falta de osíxeno (anoxia) e turbidez nas augas.
A eutrofización é un proceso que favorece a acumulación materia orgánica e orixina, en determinados casos, a aparición de cianobacterias, algas potencialmente tóxicas que poñen en risco a saúde humana. O actual escenario de cambio climático, apuntan os investigadores, fai previsible un aumento dos procesos de eutrofización por mor do incremento da temperatura das auga e a maior frecuencia de eventos tormentosos con avenidas que aumentan a turbidez de forma episódica e introducen nutrientes ao sistema. Neste contexto, antóllase necesaria a obtención de datos con maior resolución temporal e espacial que permitan aos xestores de encoros e ás empresas subministradoras de agua actuar de xeito precoz e preciso, a fin de asegurar e garantir un subministro de auga axeitado.
Detalles da ferramenta en ‘Remote Sensing’
A revista científica interniconal ‘Remote Sensing’ inclúe nos seus contidos a publicación liderada por Carmen Cillero, na que tamén colaboran os investigadores Ramón Díaz Varela, da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC; Jordi Delgado e José Luis Cereijo, da UDC, e José Antonio Domínguez, da UNED, un traballo que detalla polo miúdo esta nova ferramenta de monitorización de ecosistemas acuáticos mediante teledetección (satélites e drons). A nova solución tecnolóxica, recolle a publicación, mestura imaxes mulitespectrais obtidas con tres sensores a bordo de catro plataformas (satélites e drons) con distintos niveis de resolución espacial e temporal.
O obxectivo do traballo era avaliar o rendemento dun enfoque multiplataforma para a monitorización do estado trófico de pequenos e medianos encoros con imaxes obtidas con sensores multiespectrais a bordo dos satélites Sentinel 2, Landsat 8 e drons. Daquela, as pescudas desenvolvidas nesta liña de traballo avaliaron o emprego combinado de tres sensores diferentes para coñecer a concentración do pigmento clorofila-a, como indicador da biomasa de fitoplancton e do nivel trófico da masa de agua.
O estudo, desenvolvido en colaboración coa Cátedra Emalcsa-UDC, fíxose nun sistema afectado por floracións ou proliferación de cianobacterias, un dos riscos máis importantes para a saúde humana derivados da eutrofización. Daquela, os investigadores elaboraron e testaron diferentes modelos que indicaron un alto potencial para o desenvolvemento dun enfoque multiplataforma e multi-sensor para a vixilancia da eutrofización de masas de auga en remoto.
A posibilidade de obter información nas diferentes zonas do encoro da concentración de clorofila-a de forma periódica é de gran axuda na xestión das masas de auga, sobre todo no caso dos recursos hídricos empregados para subministro de auga potable ou para baño, manteñen os investigadores. A disposición destes datos, engaden, tamén resulta de utilidade para avaliar a calidade da agua dentro das necesidades e requirimentos dos actuais programas de monitorización para a Directiva Marco da Auga.
Proxecto do programa Torres Quevedo
A spin-off 3edata desenvolveu esta liña de traballo no marco do proxecto ‘Emprego de sensores multiespectrais sobre drons como ferramenta de alta resolución para a xestión de encoros (2016-2019). O obxectivo desta actuación, co financiada polo Ministerio de Ciencia e Innovación a través do programa Torres Quevedo, é xerar ferramentas para a monitorización de ecosistemas acuáticos mediante metodoloxías multiplataforma baseadas na combinación de técnicas de medición de parámetros relevantes de calidade da agua in situ, en continuo e en tempo real, con métodos de observación da terra espacialmente explícitos.