Skip to main content

O potencial da comunicación química agroma na USC con BioPher

Paula Rodríguez Villamayor, nunha área verde do Campus de Lugo
Paula Rodríguez Villamayor, nunha área verde do Campus de Lugo
Alumnos e investigadores do Campus de Lugo impulsan ao abeiro do programa Argos un proxecto empresarial innovador centrado na comercialización de feromonas para mellorar o grao de benestar dos animais e tamén optimizar a súas producións
Lugo

O potencial da comunicación química e as múltiples prestacións que poden reportar a identificación e posterior uso das feromonas está a converterse nunha liña de traballo de amplo espectro no Campus de Lugo, onde as investigacións xa desenvolvidas neste eido pola graduada en Veterinaria estradense Paula Rodríguez Villamayor están a piques de agromar, ao abeiro do programa Argos, unha innovadora iniciativa empresarial centrada na comercialización de feromonas.

A idea de negocio proposta por Rodríguez Villamayor na última convocatoria de Argos, unha iniciativa conxunta da área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC e da incubadora de empresas Uninova, está xa a piques de consolidarse como un incipiente proxecto empresarial grazas ao traballo desenvolvido nos últimos meses por un equipo heteroxéneo de emprendedores do que, amén da propia investigadora de doutoramento, tamén forman parte David Freije e Jesús Vivero, que están a cursar os graos en Enxeñaría Agrícola e Forestal e Relacións Laborais e Recursos Humanos, respectivamente, así como a estudante francesa do máster en Enxeñaría de Procesado de Alimentos Manon Blanquer.

O obxectivo deste grupo de novos emprendedores chámase BioPher, o nome escollido por estes catro mozos para a futura empresa de comercialización de feromonas, unha iniciativa de negocio que entenden viable na actualidade e cuxa potencial demanda de servizos e subministro de material por parte do mercado xa están a testar a través de dúas enquisas en liña. A primeira destas consultas de mercado interpela aos usuarios sobre as necesidades de produtos veterinarios orientados a mellorar o grao de benestar das súas mascotas (cans, gatos e coellos), así como respecto do I+D+i que se está a desenvolver no Campus Terra da USC neste eido.

A segunda das enquisas a potenciais clientes de BioPher ten como público obxectivo o colectivo de profesionais veterinarios e gandeiros, a fin de coñecer así as súas opinións respecto das posibilidades de éxito comercial dun produto veterinario que empregue feromonas para mellorar a produción/fertilidade... e o benestar animal.

Futura spin-off

A realidade de BioPher como futura spin-off do Campus de Lugo da USC está aínda en fase preliminar, dado que os seus promotores ultiman estes días os últimos frecos dun proxecto sólido que entrará en fase de avaliación do Programa Argos a partir do 6 de xuño. Aínda así, as expectativas son grandes, apuntan.

A idea sobre a que naceu esta iniciativa de negocio limitábase á comercialización de feromonas de coello para produción animal e/ou o benestar animal. Esta dimensión do proxecto xa conta co respaldo de pescudas científicas desenvolvidas por investigadores das áreas de Anatomía, Xenética, Reprodución, Bioquímica... da USC, co apoio da empresa COGAL SL e do Instituto Roslin de Edimburgo. Sen embargo, BioPher podería prestar os seus servizos a outras especies diferentes ao coello, segundo indica a investigadora de posgrao Paula Rodríguez Villamayor, cuxa tese de doutoramento afonda na definición dun protocolo de estudo, identificación e control de feromonas no coello, un modelo que podería logo extrapolarse a outras especies, comentou.

Importancia da Bioquímica

Un dos maiores retos do proxecto é a identificación/caracterización das propias feromonas, unha tarefa que require un traballo puramente bioquímico e para o que a implantación do grao en Bioquímica na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo se antolla como un gran aliado, entende Rodríguez Villamayor. Alén dos usos xa apuntados, esta investigadora apuntou que o emprego das feromonas tamén presenta múltiples utilidades para a loita contra pragas ou, entre outros cometidos, para avanzar na loita contra a desaparición de animais e especies vexetais en perigo de extinción.

Esta graduada en Veterinaria salientou asemade o carácter interdisciplinar dun proxecto empresarial que sería inviable sen as achegas de estudantes e investigadores procedentes de áreas de coñecemento moi diversas, tales como bioquímica, empresa e relacións laborais, agronomía e alimentación, veterinaria... A colaboración, que é un dos valores que fomenta Argos entre os emprendedores, é tamén unha das chaves do éxito deste proxecto, cuxas investigacións previas non serían viables sen o apoio recibido da Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra (BioReDes), que achegou financiamento para a realización destas pescudas, lembra Rodríguez Villamayor.

 

The contents of this page were updated on 05.26.2020.